O Día das Letras naceu en Vigo

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

Os académicos Gómez Román e Ferro Couselo respaldaron a súa proposta ante o plenario da Real Academia Galega

22 may 2022 . Actualizado á 20:29 h.

Aínda que expertos non se poñen de acordo se foi o 17 de maio de 1863 cando un prelo da rúa Real de Vigo rematou de imprimir a obra de Rosalía de Castro Cantares Gallegos, si é sabido que nesa data, a poetisa compostelá dedicoulle o seu canto á escritora Fernán Caballero. A data non tería maior importancia de non ser porque foi elixida por tres académicos galegos para exaltar a lingua galega a través das súas manifestacións literarias. O que coñecemos como Día das Letras Galegas.

As orixes viguesas desta celebración non rematan na imprenta que Compañel tiña no Vigo do interior das vellas murallas que entón comezaban a caer. A creación dun día semellante foi proposta por dous académicos vigueses, Manuel Gómez Román e Francisco Fernández del Riego, e por Xesús Ferro Couselo, que exerceu a docencia no colexio dos xesuítas de Vigo. É a explicación oficial dos feitos, mais Francisco Fernández del Riego deixou dito no seu libro Camiño andado que foi el quen tivo a idea e buscou a data axeitada, pero como era preceptivo que tres académicos asinaran a proposta ante a Real Academia Galega, buscou o respaldo de outros dous académicos. Os primeiros candidatos negáronse a asinar a proposta. «Teimoso no propósito, recorrín a Gómez Román e a Ferro Couselo, que aceptaron compracidos a invitación», escribe don Paco nas súas memorias.

Os tres intelectuais presentaron na Real Academia Galega a proposta de celebrar o 17 de maio para recoller o «latexo material da actividade intelectual galega», e foi aprobada. A primeira celebración tivo lugar o 17 de maio de 1963. Se ben o acto central tivo como escenario a sede coruñesa da Real Academia Galega, Vigo asumiu a celebración como algo propio. Aquel venres, o salón rexio do Círculo Mercantil foi ocupado por numerosas personalidades representantes de diferentes ámbitos da vida galega.

Filgueira Valverde, entón alcalde de Pontevedra, aludiu ao aspecto vigués da celebración, á relación de Rosalía de Castro co impresor vigués Compañel e cos irmáns Chao. O antigo militante do Partido Galeguista estableceu paralelismos entre o descubrimento dos cancioneiros medievais e o rexurdir literario de Galicia. Tras unha ovación, o grupo de teatro da Asociación da Prensa recitou poemas de Rosalía.

Editorial Galaxia

Antes, na casa do Concello, o secretario do consello de administración da Editorial Galaxia, Emilio Álvarez Blázquez, fixera entrega ao alcalde accidental do primeiro exemplar da XII edición de Cantares Gallegos, tamén impresa na cidade. A citada editorial tamén nacera en Vigo algo máis dunha década antes. «Vigo sempre foi unha adiantada en todo o que atinxe á cultura galega», afirmou Emilio Álvarez Blázquez. Contestou Varela Grandal que poría todo o seu empeño para que o libro fora coñecido en todas as escolas, «para que desde niños, aprendan a amar la poesía de Rosalía de Castro». O alcalde accidental recordou que o Ministerio de Información, dirixido por Manuel Fraga, patrocinou o «día de las letras gallegas, afirmando así el gran interés que éstas, tienen dentro de la cultura española».

A sede da Real Academia Galega está na Coruña, cidade onde celebrouse o primeiro día das letras dun xeito peculiar. Non se lles ocorreu outra cousa que realizar unha ofrenda de flores a Manuel Murguía, marido de Rosalía de Castro. Non contentos cunha idea tan politicamente incorrecta, o presidente de tan douta institución gabou a «singular influencia que sobre a súa esposa exerceu tan insigne estilista e historiador».

En Santiago de Compostela os actos se circunscribiron ao ámbito universitario, e en Pontevedra, no Museo Provincial, sendo a cidade de Vigo a única que entendeu que a celebración tiña que saír dos círculos da cultura para tentar achegarse á sociedade civil, algo que tardaría moitos anos en conseguir, se é que se conseguiu.

A conexión viguesa do Día das Letras Galegas comeza con Manuel Murguía. O esposo de Rosalía de Castro mantiña unha boa amizade co editor Juan Compañel, compostelán de nacemento e establecido en Vigo a mediados do século XIX. Da súa imprenta saíron varios libros de Murguía, como A primeira luz o A miña nai Antonia. Durante algún tempo, Murguía aportou artigos ao xornal La Oliva e, posteriormente, a O Miño. A súas frecuentes visitas á cidade fixeron posible a edición do seu libro Viaxe pintoresca pola ría de Vigo.