O PP pide 8 millóns para quitar a peaxe na AP-9 e GañaMos lémbralle que no seu día se negou

J. R. VIGO / LA VOZ

VIGO

M. MORALEJO

Solicita que o diñeiro se obteña dos orzamentos estatais

11 novs 2020 . Actualizado ás 19:27 h.

O grupo popular no Congreso presentará unha emenda aos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para introducir unha partida de «entre 8 e 9 millóns de euros» que permita suprimir a peaxe da AP-9 entre Puxeiros (Mos) e Tui, xa que o proxecto da nova autovía ao Porriño, cun túnel incluído, está «paralizado». Así o detallou a deputada e vicepresidenta segunda da Cámara, Ana Pastor, nun acto celebrado en Mos e acompañada pola alcaldesa da localidade, Nidia Arévalo, polo presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, e por outros representantes de organizacións empresariais.

Pastou lembrou que o Goberno do PP «paralizou» o proxecto para construír unha nova autovía que «rompía» novamente o municipio de Mos e, no seu lugar, iniciou o deseño dunha alternativa que incluía a construción dun túnel. Pero ese proxecto, incidiu, «leva dous anos practicamente paralizado». Por iso, como «solución inmediata», o PP apoia a proposta do Concello de Mos de suprimir a peaxe da AP-9 entre Puxeiros e Tui, de maneira que a autoestrada se converta nunha vía gratuíta alternativa á A-55, cunha alta sinistralidade.

«Imos seguir traballando para que se faga o túnel, pero incluímos esta emenda e agardamos que os deputados da provincia de todos os partidos nos apoien», sinalou Pastor á vez que lembrou que tamén segue pendente outro dos «temas gordos» que reclama a provincia, como é a saída sur ferroviaria de Vigo. A deputada do PP lembrou que o seu grupo reclama que os PGE destinen máis dotación ás empresas para incentivar a recuperación económica, e avanzou que os populares estarán «a vixiar o que lle toca a Galicia» dos fondos europeos para a reconstrución.

 A alcaldesa de Mos, na súa intervención, agarrou a bandeira das contas pendentes co Estado para reclamar unha alternativa á actual A-55, «a de máis sinistralidade de España», e defendeu a supresión da peaxe da AP-9 de Puxeiros a Tui, un tramo de 8 quilómetros, que «ninguén usa» polo seu elevado custo en peaxes. Arévalo incidiu en que, dado que «non hai prazos» para a finalización da nova autovía en túnel, esa medida permitiría que a entrada a Vigo desde Mos fose «segura», e que a autovía queda como unha «vía secundaria».

GañaMos

O grupo GañaMos critica a iniciativa proposta agora polo PP para liberar peaxes da AP-9 entre Vigo e O Porriño por ser os mesmos motivos que expuxo o seu grupo nunha moción do 2017, que o PP votou en contra. Lembra que na comisión de Fomento foi aprobada esa liberación e que o Goberno de Mariano Rajoy negouse a levala a cabo, polo que non entende o cambio de actitude agora.