Poxan por 2,5 millóns unha antiga fábrica de acetileno e osíxeno entre Coia e Beiramar

e. v. pita VIGO / LA VOZ

VIGO

Óscar Vázquez

O soar mide máis de 4.000 metros cadrados e pertence a unha inmobiliaria de Vigo que debe cinco millóns ao banco malo

22 jul 2019 . Actualizado ás 14:37 h.

Poxa millonaria en Vigo. Unha antiga fábrica de acetileno e osíxeno, encaixada nun soar entre Coia e Beiramar, será poxada en Internet por un prezo de saída de 2,54 millóns de euros. Trátase dunha demanda hipotecaria que presentou o banco malo ou Sareb contra a inmobiliaria Investimentos 8102 SL, unha firma viguesa con sede en Pi e Margall.

A Sareb reclama 3,99 millóns de euros á promotora, así como 1,19 millóns en intereses e gastos. Coa venda da factoría industrial, situada entre Esturáns e o número 33 de Camiño de Barciela, saldaríase a metade da débeda. O xulgado indica que a leira conta cun pavillón dunha planta para fabricar acetileno, outro inmoble para elaborar osíxeno e as oficinas, así como varios parques de tubos. A leira baleira mide 4.934 metros cadrados.