1-3 | Noel esnaquiza ao Barça e o Dépor alza a Copa de Campións

Iván Antelo REDACCIÓN

CANTEIRA

RCD

Dous goles e unha asistencia do dianteiro de Silleda danlle o segundo título xuvenil ao fútbol galego, o primeiro en 25 anos

27 jun 2021 . Actualizado ás 20:29 h.

O Dépor volve ser grande. Enorme. Regresa a aqueles tempos de gloria nos que lle gañaba ao Barça e ao Madrid e asombraba ao mundo coas súas exhibicións futbolísticas. Retorna a Europa, tamén, logrando a clasificación para a UEFA Youth League. O seu equipo xuvenil proclamouse este domingo campión da Copa de Campións xuvenil tras superar ao equipo catalán na final (1-3). O segundo título para o fútbol galego tras o logrado polo propio Dépor en 1996. Histórico, memorable e emocionante o realizado polo equipo de Óscar Gilsanz, capaz de gañarlle aos dous transatlánticos do fútbol español en apenas tres días de marxe e con máis de trinta graos sobre o campo de Marbella.

Noel foi o gran protagonista do encontro. O dianteiro do Silleda marcou dous goles e deu unha asistencia que remataron co conxunto azulgrana. Unha exhibición de calidade e eficacia que valen un título nacional para o Dépor, o oitavo que chega ás vitrinas coruñesas con selo da RFEF (unha Liga , dúas Copas do Rey e tres Supercopas sénior; e as dúas Copas de Campións xuvenís). Un infalible Brais Suárez, dúas centrais espectaculares na anticipación (Dani Barcia e Fito), dous laterais con calidade e intelixencia (Trilli e Dani Barcia), dous mediocentros sólidos (Brais Val e Mario), dous extremos fiables no pase (Víctor Guerra e Mella) e un mediapunta moi móbil (Nájera) completaron o elenco de heroes.

O cadro branquiazul saltou ao terreo de xogo de Marbella con moitísima personalidade. Defendeu en bloque baixo, con dúas liñas de catro moi xuntas que cortociuitaron o xogo de toque e posesión do Barça; e estivo moi seguro con con o balón, saíndo con extrema facilidade da presión azulgrana. Víctor Guerra, David Mella e sobre todo Noel fixeron moito dano xogando entre liñas. A pesar de que o equipo catalán tivo máis posesión, o primeiro aviso foi deportivista. Un bo pase de Víctor Guerra, raso desde a banda dereita, non foi aproveitado por pouco nin por Noel nin por Mella.

Os azulgranas intentaron levar perigo a través de xogo interior, cos seus dous xuvenís de primeiro ano, os máis talentosos do equipo, asumindo a responsabilidade. Foi o caso da ocasión do minuto 13, en en o que Gavi filtrou un balón a Ilias, que non chegou por pouco cando se plantaba só ante un veloz Brais Suárez.

O 0-1 deportivista foi unha obra de arte e unha constatación de como se lle podía facer dano ao Barça. Tocando desde atrás con serenidade, superando liñas de presión a base de pases rápidos, ata levar o balón a banda en posicións de ataque. Alí internouse Trilli, ofrecendo o dous para un pola dereita, pero Noel rompeu a N'Diaye á hora de entrar na área e asistiu a Mario Domínguez, que rematou á rede no minuto 22.

A vantaxe non lle durou moito ao Dépor, que sufriu a igualada no primeiro ataque claro do equipo azulgrana. Brais Suárez evitou o primeiro remate cunha gran parada e Ilias, aparecendo ás costas de Guille Bo, aproveitou o rexeite para lograr o 1-1 (25).

Calquera podería pensar que ata aí ía chegar a aventura do Deportivo na final. Que podería pasarlle factura a igualdade tan rápida. Pero nada máis lonxe da realidade. Ao bordo da pausa de hidratación, a defensa branquiazul despexou un balón desde a frontal con moita intención cara a Noel. A pelota caeulle ao dianteiro de Silleda, franco para encarar no un para un a N'Diaye , volveuno romper e definiu de zurda asinando un auténtico golazo (30). O propio Noel, pletórico de confianza, tivo o terceiro ao fío do descanso tras unha gran xogada persoal que finalizou con remate desde a frontal, outra vez coa súa perna mala (a esquerda).

A segunda parte comezou con cambio no Barça. Zacharias entrou por Franck, para liberar a Ilias da banda dereita e darlle maior presenza na medular. E os azulgranas reaccionaron xerando dúas boas ocasións nos primeiros dez minutos: un disparo desde a frontal de Gavi que salvou Brais Suárez (51) e un pase interior cara a Diego López, dentro da área, que malogrou cun disparo rozando o pau (54).

O Dépor intentou sacudirse o dominio catalán cun disparo desde a frontal de Nájera (57), pero o Barça estaba destacado e ´seguiu acurralando aos coruñeses con centros e disparos afastados. E xusto cando máis angustiado estaba o equipo de Gilsanz, un pelotazo longo valeu ouro. Noel saíu correndo desde campo propio, chegou ao balón antes que ninguén e definiu ante Carrillo, outra vez ao bordo da pausa de hidratación (73). Nájera puido mesmo facer o cuarto tras un bo centro de Víctor Guerra (80) e tamén Do Carmo quixo sumarse á festa cunha contra que liquidou Carrillo cunha gran parada (89).

Ficha do partido

BARCELONA: Jorge Campillo; Marc Alegre (Miki, min 76), Diego Almeida, N`Diaye, Álex Val (Txus, min 76); Franck Angong (Zacharías, min 46), Álex Rico, Gavi; Ilias Akhomachi, Diego López (Luzzi i, min 66), Jaume Jardi (Joan González, min 66).

DEPORTIVO: Brais Suárez; Trilli, Fito (Nico, min 90), Dani Barcia, Guille Bo; Brais Val, Mario Domínguez (Raúl Mantiñán, min 78); Víctor Guerra, Nájera (Urdiales, min 90), Mella (Padín, min 90); e Noel (Do Carmo, min 83).

GOLES: 0-1, min 22: Mario Domínguez; 1-1, min 25: Ilias Akhomachi; 1-2, min 30: Noel; 1-3, min 73: Noel;

ÁRBITRO: Jose David Martínez Montalbán (Murcia). Amoestou a Noel polo Deportivo.