Ainhoa Marín guía o primeiro triunfo do Dépor Abanca (1-0)

TORRE DE MARATHÓN

MARCOS MÍGUEZ

Culminou un contragolpe perfecto para dar os primeiros tres puntos do curso nun partido no que o cadro coruñés fixo gala da súa orde defensiva

14 sep 2025 . Actualizado á 13:58 h.

Dous equipos coa mesma imperiosa necesidade: lograr a primeira vitoria da tempada. Así se plantaban ambos os conxuntos en Riazor. A balanza decantouse cara ao equipo que mellor leu o partido. E ese foi o Dépor, que fixo gala da súa orde defensiva e soubo manexar o tempo. En fronte, un Athletic que liderou a posesión, pero que se mostrou moi fráxil atrás e non foi quen de frear ao talento de Ainhoa Marín.

Sen atopar a forma de progresar. Así se mostraron os equipos nos primeiros compases. Ata que chegou o balón parado para que o Athletic ensinase a súa carta de presentación a Riazor. Aproveitou Zubieta a indecisión por parte da defensa do Dépor para coarse ante unha Inês Pereira moi desprotexida. Pero non logrou a futbolista vasca cruzar o balón. Salvábase o cadro local.

Sen ideas e sen atopar liñas de pase, ás xogadoras do Dépor custáballes xerar na parcela ofensiva. As branquiazuis víanse máis esixidas atrás, e desempeñaron ese labor sen apenas lagoas. Nunha liña de tres flanqueada nos carrís por Monteagudo e Samara foi Elena quen protexeu ben o esférico para cruzarse no último momento sobre Azkona, impedíndolle xutar tras un brillante pase de Zubieta.

Quería crecer o cadro de Fran Alonso. E a persoa indicada para iso era Ainhoa. Pasado o minuto vinte, Olaya sacou petróleo ao desaxuste da zaga visitante. Centrou buscando á catalá, que se plantou soa ante Nanclares. Marchoulle lixeiramente o control do esférico. Foi o primeiro aviso de Marín. Non habería outro. Porque o Dépor seguía adiante co seu plan: roubar no centro do campo e saír con velocidade para sorprender ao contragolpe.

Así naceu o gol. Condución de Bárbara Latorre que, no dous contra dous, cedeu para Ainhoa. A catalá, libre de marca, definiu comodamente para superar a Nanclares. Celebrou cunha chiscadela ao novo integrante do equipo que está en camiño, e cantou Riazor unha contra perfecta.

O tanto foi un punto de inflexión. Unha mostra de como empezaba a sufrir en defensa o equipo de Lerga e de que como o Dépor, a pesar de estar acazapado, xeraba perigo nada máis roubar o balón.

Saíu tras o descanso moi serio o equipo de Fran Alonso, disposto a aumentar a fenda. Impediullo Nanclares a Monteagudo. Cun guion calcado ao da primeira metade, o Athletic sentíase sen alternativas no céspede. Rotou Javi Lerga, e replicou o técnico madrileño.

Gañou máis vida o Athletic, que a punto estivo de facer o empate. Plantouse Ortega ante Pereira tras un pase filtrado. Errou a gardameta, que quedou a medio camiño na saída, e a punto estivo de coarse o lanzamento da 18 do Athletic. O pequeno susto serviu para quitarlle a modorra ao Dépor. Recorreu a Ainhoa para crear e Marisa quixo culminar o partido cun croque. Queimou os cartuchos Lerga. E a punto estivo de saírlle cara tras un centro-chute de Nevado. Estrelouse no traveseiro. As locais resistiron ao envite lideradas por Marín. Pesadelo para a defensa vasca, asinou unha nova xornada soberbia. Talento e gol. Primeiro +3. Sorrí o Dépor.

Ficha técnica

Dépor Abanca: Pereira; Samara (Cavanagh, min 88), Barth, Raquel, Elena, Monteagudo (Paula Novo, min 64); Lucía Martínez (Redru, min 78), Paula Gutiérrez (Henar, min 65); Ainhoa Marín, Olaya e Bárbara Latorre (Marisa, min 65).

Athletic: Nanclares; Elexpuru, Baños, Maddi (Landaluze, min 62), Nerea Nevado; Valero (Oihana, min 84), Zubieta (Oguiza, min 79), Ortega; Azkona (Sanadri, min 79), Campos (Vilariño, min 62) e Esgote.

Gol: 1-0, min 32: Ainhoa Marín.

Árbitro: Ylenia Sánchez (c. catalán). Amoestou a Monteagudo e Barth do Dépor, e a Campos do Athletic.