A enerxía do Deportivo

Breogán Blanco

TORRE DE MARATHÓN

Mulattieri remata durante el partido contra el Sporting en Riazor
Mulattieri remata durante o partido contra o Sporting en Riazor César Quian

07 sep 2025 . Actualizado á 19:55 h.

Visitante complicado o que recibiu o pasado sábado o Deportivo en Riazor: un eficiente Sporting de Xixón que só coñecía a vitoria en tres partidos. Antonio Hidalgo introduciu varios cambios no once: Charlie Patiño polo lesionado Jose Gragera; Luismi Cruz polo internacional David Mella; Ximo Navarro en lugar de Arnau Comas, e Samuele Mulattieri en punta. O plan de partido sufría variacións nese 1-3-4-2-1 con balón que tanto gusta ao adestrador catalán, alternado durante o encontro polo básico 1- 4-2-3-1, deitando en banda esquerda a Yeremay Hernández.

O cadro branquiazul tomou as rendas do partido de xeito progresivo, mentres que os de Asier Garitano demostraron o porqué da súa clasificación: presión alta nos reinicios de campo rival e bloque medio-baixo para transitar tras roubo ou perda rival, buscando un encontro pechado no que ao Dépor custáselle combinar.

Certo é que, aínda falto de certo dinamismo baixo o meu punto de vista, Patiño achega elementos novos á saída de balón branquiazul: filtra pases con maior facilidade, limpa as xogadas e busca estar sempre preto do centro de xogo (en demasía). Novidades tamén presentou Mulattieri, que estivo ben nos duelos e no xogo directo, sobre todo cando o cadro xixonés intentaba afogar a saída de balón coruñesa. A pesar dos brotes verdes, o conxunto de Hidalgo non conseguía acosar de xeito continuo ao seu rival.

Na segunda metade o Deportivo empezou a xerar nos perfís: liberando a Yeremay e Luismi como extremos, laterais por dentro e deitando a Mario Soriano ou Patiño, buscando xerar superioridades en amplitude. Hei de recoñecer que me gusta a actitude proactiva dun adestrador para buscar solucións con cambios tácticos ou de nomes, dignifica a profesión e dinamiza o grupo, algo fundamental para conectar ao xogador.

Ultimamente, en redes sociais, inténtase describir un halo de enerxía que rodea a determinados corpos: a aura. Nada mellor que o gol dun canteirán no minuto 89 e posterior explosión de Riazor como exemplo didáctico. Coidémola.