
O meta non forzará o traspaso, pero o Fortaleza brasileiro fíxolle unha oferta elevada e na Coruña buscan alternativas por se pagan a súa cláusula
03 ago 2025 . Actualizado á 19:24 h.Hai tres semanas houbo clásico en Castelao. O conxunto local non só agudizou a súa crise caendo (0-1) fronte ao Ceará; tamén quedou sen porteiros. No quecemento, João Ricardo sufriu un contratempo na súa man esquerda; durante o encontro, Brenno Oliveira lesionouse a dereita ao chocar co dianteiro rival. Os dous tiveron que pasar por quirófano e non volverán colocarse baixo paus polo menos ata dentro dun mes. Non ten tanto tempo o Fortaleza, que marcha antepenúltimo na Serie A (máxima categoría do país) tras 16 xornadas e acumula once encontros consecutivos encaixando algún gol. Nos tres últimos estivo dirixido por Renato Paiva, técnico que levou ao Botafogo ata oitavos do Mundial de Clubs e agora trata de endereitar o rumbo deste club histórico do Brasil.
Para iso precisa deter a sangría e está pouco satisfeito cos recursos á súa disposición. Nin sequera con Vinicius Silvestre, o porteiro recrutado o 23 de xullo tras rescindir en xuño co Portimonense portugués. Entre outras cousas, porque a incorporación se decidiu antes da chegada do adestrador. O futbolista que pretende o técnico milita no Deportivo e a súa saída faría un descosido na canalizada planificación do conxunto branquiazul.
Helton Leite quedou no banco de Riverside tras formar de inicio fronte ao Watford en Vicarage Road. Parreño, que fora titular ante ao Ourense CF, repetiu no duelo co Middlesbrough. O seu compañeiro xa era entón consciente do interese que espertara e das opcións reais de regresar ao campionato que abandonou seis anos atrás.
«Teño contrato, non estou a pensar en nada á parte diso. Todo o mundo sabe que son feliz, que estou a gozar (...) Creo que o estou facendo ben e quero seguir así». As palabras daquel Helton exultante de finais de abril, despois de salvar un punto en Anduva, atoparon eco nas pronunciadas ao acabar unha fenomenal campaña: «Foi un ano de moita aprendizaxe, creo que todos en xeral imos estar máis preparados para a tempada que vén». No seu caso, non hai garantías de que continúe enrolado no equipo coruñés.
O veterano xogador de Belo Horizonte, que cumprirá 35 en novembro, ten contrato ata que conclúa a 2025-2026 e descartou que vaia forzar unha saída sen o visto e prace da entidade que apostou por el o verán pasado. Con todo, o retorno a casa é tentador. O Fortaleza apostou forte, cunha oferta substanciosa en canto a salario e duración. Algo pouco frecuente nun futbolista da súa idade que pasou o último curso en Segundo.
Pero máis aló da categoría, o que parece valorar Paiva é o rendemento individual do meta, indispensable tanto para Imanol Idiakez como para Óscar Gilsanz. Ademais, o técnico luso xa coincidiu con Helton en Portugal, cando un adestraba nas categorías inferiores do Benfica e o outro militaba no Boavista.
Para frear o desexo do equipo brasileiro, o Deportivo conta coa cláusula de rescisión do seteiro, que se achegaría ao millón de euros, e a súa boa vontade. Como sucedeu ata o de agora cos titulares habituais, non haberá facilidades para un traspaso; especialmente, tendo en conta o próximo que está o inicio da competición.
Atendendo a este detalle e por se o Fortaleza se decidise a adquirir de todos os xeitos o pase do xogador, ampliaríase o abano de obxectivos, incluíndo un porteiro onde ata hai uns días só figuraba un dianteiro (que poderían ser dous, dependendo de que puntas se vaian) e un centrocampista.
O diñeiro recibido axudaría a afrontar próximos desembolsos para pechar un persoal moi reforzado para fixar unha meta máis ambiciosa a próxima campaña. «O Dépor, seguramente, subirá pronto a Primeira —prognosticaba Helton na zona mixta de Anduva—. Oxalá estea eu aquí para vivir iso». Del tamén depende.