Óscar Gilsanz: «Ata a xornada 38 competimos moi ben; logo, non estivemos á altura»

TORRE DE MARATHÓN

«Hai que facer unha valoración global e a miña é que estou contento, moi contento», resaltou o técnico sobre o seu traballo, evitando referirse ao seu futuro no Dépor
01 jun 2025 . Actualizado á 22:12 h.«Era un partido difícil para nós. Moi difícil. Contra o peor rival posible, que xogaba o ascenso, que encaixa moi pouco... Os seus tres primeiros remates foron goles e a partir de aí, non houbo historia. A sensación é moi mala, non nos deixaron facer unha situación de perigo». Óscar Gilsanz rompeu o protocolo comparecendo antes que Eder Sarabia en sala de prensa. Fíxoo para valorar o peor choque desde que asumiu o cargo. Unha praza na que non ten a continuidade garantida: «Isto é cuestión de sentar, falar e analizar. Creo que era un ano de estabilizar un proxecto que necesita bases sólidas e, a pesar do último mes, a tempada foi boa. Ata a xornada 38 competimos moi ben, aínda que unha vez conseguido ese obxectivo o equipo non estivemos á altura. Creo que hai que facer unha valoración global».
A maioría de preguntas viraron sobre o seu futuro, e el foinas regateando: «Ata o de agora sempre estiven ao dispor do club e veremos que sucede a partir de mañá (...) Hai sete meses estaba a coller un avión a Cartaxena co equipo en situación de descenso. Hai que facer unha valoración global e a miña é que estou contento, moi contento».
En canto ao partido, ofreceu unha explicación da ausencia máis sorprendente no once: «Pablo Vázquez viña arrastrando unhas molestias e pola situación do partido entendemos que era mellor introducir a Martínez e tamén a Jaime, que estaba nun bo momento». «Os dous merecen despedirse ante a súa afección. Era importante que o Dépor como entidade despedise a dous futbolistas que foron importantes», recalcou.
«Hai mes e medio que dixen en rolda de prensa que este club ten o obxectivo claro de ir a Primeira e segue téndoo», insistiu, para pechar con outra reflexión acerca da súa situación: «Ata o de agora sempre fun primeiro adestrador. Sempre aprendín sobre o que me pasaba. Síntome primeiro adestrador». Antes de saír, agradeceu o trato á prensa, nunha mensaxe cargada de significado.