A afección ilumina o ascenso do Deportivo

Breogán Blanco

TORRE DE MARATHÓN

César Quian

25 may 2024 . Actualizado á 22:09 h.

Chegaba o último partido de liga regular na Primeira Federación despois de dúas semanas estrañas e convulsas, cheas de incerteza e declaracións cruzadas entre entidades, que ensombreceron a máis que merecida celebración do ascenso. Eu mesmo chamei á mesura nas celebracións e a normalidade por restablecer a orde natural do Deportivo en categoría profesional. Pero a bancada necesita estabilidade, polo que todos debemos estar á altura desta afección única e inigualable.

Para o peche da liga regular ante a Real Unión de Irún Imanol Idiakez apostou polo seu habitual 1-4-2-3-1, con moitos cambios no once, e coa lección aprendida da desfeita en terras irundarras, algo xa comentado polo corpo técnico como punto clave na resurrección branquiazul. Poucos espazos para transitar dos visitantes e moi boas vixilancias defensivas dos locais facían que o contexto fose totalmente diferente ao do partido da primeira volta.

O Dépor, neste momento da tempada, é un equipo con automatismos marcados: presión alta tras perda, repregamento se os rivais superan a liña de presión, bloque baixo ante o xogo posicional do rival e balón parado. Ben é certo que a liberación dos branquiazuis, unida á necesidade dos «suplentes» de demostrar en prol de gañarse unha praza nunha categoría profesional, axudaban a unha tarde plácida (das poucas) en Riazor.

Un inciso, merecido recoñecemento no entretiempo ao traballo de Abegondo, e un consello, sigamos apostando polos de casa, á fin e ao cabo fixéronse coas rendas do proxecto. Seguindo co partido e «casualmente» para pechar a tempada, volveu aparecer o principal bastión ofensivo do equipo en partidos pechados, como ese primeiro raio de luz que ilumina o día, posiblemente o instante máis belo da xornada, ese que agradecemos e dá esperanza, ese que ilusionaba a todos os deportivistas nas mañás tras un descorazonador inicio. Como dicía Víctor Hugo, «amar a beleza é ver a luz», e para exemplo, o gol de David Mella. Esquezamos as rifas e continuemos iluminando o camiño. Forza Dépor por sempre!