A Coruña engalánase polo Deportivo entre a euforia e a prudencia

Antía S. Aguado A CORUÑA / LA VOZ

TORRE DE MARATHÓN

Senén Rouco

«Tocar, toca ascender, pero o equipo xa nos ten acostumados», din os máis pesimistas

10 may 2024 . Actualizado á 17:54 h.

Nerviosismo e ilusión —e sobre todo moito branco e azul— tomaron A Coruña. A afección da Deportivo conta as horas con inquietude. O reloxo avanza lento para aqueles que visitarán Riazor ou verán este domingo o encontro do seu equipo contra o Barcelona B (19.00 horas, TVG). As contas téñenas moi claras. Están a 90 minutos e tres puntos de volver a Segunda División. De volver ao fútbol profesional.

Non son poucos/pouos os coruñeses que recorren á xa histórica frase de Arsenio Iglesias para facer un chamamento á tranquilidade en lugar de tanta euforia: «Coidado coa festa, que nola quitan dos fuciños». Non é para menos. Os mazazos, primeiro en Son Moix no 2019, e despois contra o Albacete no 2022 e o Castelló no 2023, seguen gardados nas retinas dunha afección incansable. E os menos optimistas non poden esquecerse deles estes últimos días. «Tocar, toca ascender. Pero o Dépor xa nos ten acostumados...», comenta unha das peixeiras da Praza de Lugo. O mercado, decorado só con globos, bandeiras e bufandas, engalanarase aínda máis hoxe cun plan que non poden desvelar.

Os máis supersticiosos piden moita prudencia. «O ascenso está máis que asegurado, pero que sexa este domingo, xa discrepo máis... Non teño confianza total. No local non teño nada que se vexa do Deportivo polas meigas. Pero iso si, eu lévoo moi dentro», subliña o que foi rexente do Olímpico, na Rúa da Torre.

E, fronte a toda esa desmoralización, xorden outras voces moito máis convencidas e que, sen dúbida, recorren á mesma expresión: «Desta vai!». «Hai que quitar ese pesimismo e preocupación de que a ver se perdemos outra vez. Hai que ser positivos. É un partido que hai que xogar e que, sobre todo, hai que gañar. Iso sábeno os xogadores mellor que os afeccionados», comenta Juan Agrelo. Vendedor de tea de raias brancas e azuis no centro da Coruña, volveu a triunfar un ano máis entre a afección, que acudiu en masa a facerse cunha bandeira para decorar as súas fiestras, dando un toque de cor á cidade. Pero se hai algo claro é que todos os coruñeses ansian, despois de tantos anos no foso, unha alegría e volver xuntarse en Catro Camiños para deixarse a voz celebrando.

O equipo, en segundo plano

Dentro do Deportivo a palabra ascenso converteuse nun completo tabú. Aínda que o contacto cos medios de comunicación convivira coa boa serie do equipo estes meses, ao longo desta semana o persoal do primeiro equipo reduciu, en boa medida, a súa exposición mediática para illarse da euforia dun gran sector da afección e centrarse unicamente no partido e non nas súas consecuencias.