Lucas Pérez e David Mella empezan a traballar co grupo

La Voz

TORRE DE MARATHÓN

M. M.

Ambos agardan poder disputar co Deportivo o partido do sábado en Teruel

10 abr 2024 . Actualizado á 13:25 h.

Tras a sesión de recuperación do martes, o Deportivo empezou a preparar en Abegondo o duelo deste sábado co Teruel (20 horas, FEF TV). Fíxoo con boas noticias para Imanol Idiakez, que puido contar con todo o persoal do primeiro equipo para a sesión de traballo. Nómina na que se inclúen Lucas Pérez e David Mella, despois de empezar a semana entre algodóns.

A situación do de Teo non era excesivamente preocupante, xa que as molestias que acusou ante Unionistas, e que lle forzaron a abandonar o encontro no minuto 60, non foran a máis. O seu traballo á marxe debíase á precaución necesaria co explosivo extremo, que esta campaña acusou algúns contratempos musculares.

O caso de Lucas é distinto. Foi baixa nas últimas tres xornadas (resoltas con vitoria fronte a Raio Majadahonda, Cornellá e Unionistas) debido aos problemas no seu xeonllo esquerdo. Acostumado xogar con dor nesta zona, o de Monelos acabou optando por parar para que a situación non se agravase e impedíselle participar no tramo definitivo da campaña.

Idiakez compartira o domingo a súa esperanza de poder contar co atacante en Pinilla, onde non estará Raúl Alcaina por sanción. Expectativas que parecen acertadas a xulgar polo visto na sesión matinal. Tanto o dono do 7 como Mella integráronse nos rondos e os reducidos, portando un peto que invitaba os seus compañeiros a extremar as precaucións ao xogar con eles.

Os dous adestramentos que restan antes de emprender viaxe a terras aragonesas permitirán saber se Lucas está realmente recuperado ou aínda debe agardar outra semana.

Non se sumou aos exercicios do primeiro equipo Martín Ochoa. O dianteiro fabrilista traballará á marxe ata que supere unha lesión muscular que se produciu ante o Cayón.