Álex Bergantiños, o fillo de Fina apaga a luz

TORRE DE MARATHÓN

Futbolista dun só club, tan unido ao Dépor que só saíu con billete de volta, pecha unha carreira iniciada con oito mil pesetas, un vello Clio e un traxe de fin de ano que non ía a xogo co oficial

06 ago 2023 . Actualizado á 22:24 h.

Nunca correu tanto como aquela vez. Co sobre apertado na man, os euros e o cobre bailando dentro, para que Fina vise que si. Que o seu fillo cumpría e levaba a casa o primeiro xornal. De neno prometera gañar diñeiro co fútbol, pensando que o Imperator ou algún outro equipo de Preferente pagaríalle algún día o combustible investido en ir adestrar. Así que cando recibiu as oito mil pesetas do contrato, transformadas xa en 48 euros e oito céntimos, entrou zoando na casa, alterando a berros a paz do fogar familiar. Coa alegría propia dun xuvenil. Do Deportivo, concretamente; recentemente estreado, ademais, cunha vitoria en Elviña sobre o Valladolid.

A Álex Bergantiños emocionoulle entón (2002) que o rival, aínda que fose equipo de canteira, levase bordado un escudo de Primeira División. Hoxe veñen despedilo desde Brasil. A el, que nunca se afastou de La Sagrada sen billete de volta ao barrio onde naceu e segue vivindo aos 38, vinte tempadas despois. Ese tempo acadoulle para mudarse a un piso propio, sen abandonar a mazá; compárteo con Lorena, a veciña que coñeceu estudando no Masculino e coa que nunca se chegou a casar. Nin falta que fai, porque hai dous nenos e moita vida bailada, seguindo xuntos o vaivén da profesión.

E é que o último portador do brazalete nesta época de futbolistas itinerantes militou en varios conxuntos, pero sempre poderá presumir de ser home dun só club. Cada saída tivo a data de caducidade dun préstamo, pola condición de coruñés recalcitrante e polo empeño en non forzar os nervios de Fina, alterados só coa idea de que o neno, xa un tiarrón, fose xogar a Xerez.

Marchou sen chegar a debutar co Dépor, aínda que rozou a estrea un 3 de abril do 2005; a segunda vez que subiu a un avión. Fran fíxolle de chofer ao aeroporto. Alí citáballe Jabo Irureta e, como a Bergman de Casabranca, os demais vestían de gris. El, non. Só había un traxe no armario do Álex de 19 anos. O que se puxo para saír en Noitevella, aos 16. Convocado a fume de carozo, o pano negro e a camisa morada rompían llamativamente a uniformidade ditada polo club. Non saltou ao céspede do Ciutat de Valencia e se garda algún recordo daquel partido é grazas a Valerón. O Fraco se apiadó do tímido fabrilista e exerceu de alcahuete para que outro louro (Rivera, formado no Real Madrid), cedese a súa camiseta para inaugurar unha vasta colección.

Nela hai algunha propia, que se resistiu a cambiar. A do 24 ás costas sinala o día en que por fin vestiu de branquiazul en Riazor. Con medio Vilasantar (o seu outro lugar no mundo) agardando as portas, para festexar o triunfo do equipo (1-0 ao Recre, gol de Colotto) e o do seu rapaz. 27 de agosto do 2011. Polo medio, unha mili de tres campañas e outros tantos destinos, empezando polo máis feliz.

No Xerez viviu un ascenso celebrado durante toda a tempada en festas flamencas que fortalecían un vestiario e unha historia de dúas. Nunca antes compartira con Lorena cociña e sala de estar. Puxeron o ritmo Os Delinqüentes, que coaron varios temas no recompilatorio vital. Andalucía marcou o salto ao fútbol de varios ceros. Salarios que non caben en sobres, coches en propiedade. Adeus ao Clio de quinta man que lle regalara o seu pai, Emilio; de profesión, albanel. Medio de transporte óptimo para chegar a Abegondo repleto de raparigos do filial; justito para viaxar a Asturias en parella; inviable para unha mudanza cruzando a península, sen aire acondicionado que aliviase a calor do sur. O sogro non só despediu á súa filla, tamén prestou a súa Mazda 6.

No Municipal de Chapín pisou por fin a máxima categoría. Sobran pezas que o demostren. A máis prezada, unha de Andrés Iniesta recibida a poucos meses de que España levase un Mundial. Non lle ían a faltar a Álex ocasiones de acumular roupa do Barcelona. Habitualmente, tras facerlle gol. Tres dos seus catro tantos en Primeira caeron na rede azulgrana, para deleite da bancada madridista tolerada polo mediocentro na súa contorna familiar.

As dianas engrosan os momentos máis felices desta carreira que tocou teito ao pouco de reiniciar. Se se lle pide sinalar unha época especialmente luminosa, el apunta enseguida á do ascenso que coroou o seu retorno como fillo pródigo; intocable xornada tras xornada, en comuñón absoluta coa afección. O contrapeso pono dous play off non consumados por centímetros, un descenso aderezado con visita a comisaría, e unha extenuante campaña de salvación apertada, co Dépor en concurso e tocado pola fractura social.

Divorcio entre o equipo e parte da súa inchada do que non se rematou de repor quen mellor abandeiraría o manido concepto de identidade. Chico do barrio para todo, capaz de calzarse incluso as luvas para servir mellor ao club (a camiseta que lle cedeu entón Aranzubia segue, claro, na súa poder). Que cando creu disipar as sospeitas, tras descartar unha tentadora aventura americana que lle enchería o peto mentres os Bergantiños García aprendían inglés, viuse desterrado a Xixón; angustiado pola dúbida de como encaixaría en territorio tan hostil ao equipo da súa cidade. Encaixou ben. Con discreción. Así se vai.

Comparte fastos con heroes da época dourada que seguiu como espectador. Mauro portaba o brazalete fronte ao Levante, cando Álex rozou o debut. Álex, que retornou fiel a un barco que empezaba a naufragar. Que xa o pasado verán barallou a retirada, conmocionado polo revés. A prórroga emparentó as noticias da súa despedida con outro momento especial. O comunicado do Dépor pilloulle a pé de pista en San Siro, escoitando a Coldplay. Lorena ao lado (sempre). A compaña e o lugar.

Teo e Daniela, na casa, sabían hai días que papá non ía xogar máis. Como desagravio: Disneyland. De Asturias no Clio a Orlando en avión. Un traxe de festa e oito mil pesetas para Fina no sobre da memoria. Desde a pista de La Sagrada ao céspede de Riazor. Miúda viaxe, capitán.