00031686422606265298502
00031686422606265298502

O Alcorcón será o rival do Deportivo se pasa á final polo ascenso a Segunda División

Iván Antelo REDACCIÓN

TORRE DE MARATHÓN

Real Sociedade

Os madrileños superan á Real Sociedade B e asegúranse as vantaxes de xogar a volta en Santo Domingo e tamén subir en caso dun teórico empate tras a prórroga

10 jun 2023 . Actualizado ás 20:59 h.

O gañador da eliminatoria que enfrontará ao Deportivo e ao Castelló xa ten rival na final polo ascenso. Trátase do Alcorcón, que eliminou á Real Sociedade tras empatar na volta celebrada en Santa Domingo (1-1). Os madrileños gañaran en San Sebastián hai unha semana por 1-2; e Chiki evitou a prórroga este sábado cun gol salvador de cabeza no minuto 82.

O que xa é seguro é que, pase quen pase tras o partido de Castalia, o cadro madrileño será quen teña todas as vantaxes: ascender no caso de que houbese empate tras a prórroga do encontro de volta e xogar o segundo partido no seu feudo (o 24 ou 25 de xuño). A ida sería, xa que logo, en Riazor ou en Castalia, dependendo de quen pase, o 17 ou 18 de xuño. Tanto as datas definitivas como os horarios serán confirmados previsiblemente este luns pola Real Federación Española de Fútbol, atendendo conxugar os intereses dos clubs contendentes e os televisivos.

Dous precedentes recentes

O Alcorcón é un vello coñecido do Deportivo, xa que foi compañeiro de batallas dentro do grupo 1 de Primeira Federación. Os oleiros foron segundos, con 74 puntos, e quedaron a só un de lograr o ascenso directo, acadado finalmente polo Racing de Ferrol.

Os madrileños xogaron no estadio de Riazor hai pouco máis dun mes (o 6 de maio) e lograron un meritorio empate (0-0) que practicamente descartou ao Dépor da loita polo liderado. O encontro de Santo Domingo xogouse o 14 de xaneiro e o Alcorcón gañou por 3-1, aproveitándose da inferioridade numérica dos branquiazuis (Ian Mackay foi expulsado no minuto 63). O golazo de falta directa de Lucas Pérez foi insuficiente, xa que os locais marcarían os goles do triunfo nos minutos 85 e 90 por mediación de Berto e Dalmau (o 1-0 fose obra de Pablo García no 37).

A pesar de quedar sen ascenso directo, o cadro amarelo acabou a competición moi ben (suma 13 partidos sen perder), pero viuse penalizado polos moitos empates cultivados (6 nas últimas 10 xornadas da liga regular).

Unha hipotética eliminatoria contra o Deportivo suporía o reencontro de tres exblanquiazules coa que foi a súa casa: Pedro Mosquera (2015-2019), Víctor García (no Fabril na campaña 2018-2019 e no primeiro equipo o pasado curso) e Iago López Carracedo (no Dépor xuvenil entre os anos 2016 e 2018).