O «play-in» da NBA apunta a un partido épico entre LeBron James e Stephen Curry

L. B. T.

TORRE DE MARATHÓN

Con tres xornadas por disputarse e a táboa moi apertada, os aspirantes ao anel tratan de esquivar a sétima e a oitava praza e non ter que xogar a repesca

12 may 2021 . Actualizado á 17:22 h.

Este domingo finaliza a tempada regular da NBA e vaise a cobrar vítimas. No Oeste, catro superestrellas da liga corren o grave risco de non acadar as eliminatorias polo título: Damion Lillard (Portland Trail Blazers), Luka Doncic (Dallas Mavericks), LeBron James (Los Ángeles Lakers) e Stephen Curry (Golden State Warriors). No Leste, un clásico como os Boston Celtics tamén podería irse a casa antes de tempo.

A novidade do «play-in»

Tradicionalmente, na liga estadounidense, os oito primeiros clasificados de cada Conferencia accedían directamente ao play-off. Pero esta tempada, reducida de 82 a 72 partidos polo covid, é diferente. Os equipos que finalicen o curso do sétimo ao décimo clasificado terán que xogarse o acceso a través do chamado play-in, unha especie de repesca estreada o curso pasado na burbulla de Florida e ideada inicialmente para compensar aos aspirantes aos dous últimos billetes de acceso á postemporada o déficit de partidos xogados ao que obrigou a pasada tempada a pandemia. Tras o éxito de crítica e público, veu para quedarse. Cun cambio de modelo, iso si.

O novo formato é atractivo para o espectador. Entre o sétimo, o oitavo, o noveno e o décimo clasificado de cada Conferencia xogará unha semifinais e dúas finais polos últimos dous postos que dan acceso ás eliminatorias. Unha auténtica faena para os que finalicen no posto sete e no oito —ata este mércores, Lakers e Warrios no Oeste e Celtics e Hornets no Leste— e unha bendición para o noveno e o décimo —Grizzlies e Spurs no Oeste; no Leste, Pacers e Wizards respectivamente—. O propio LeBron James, que xa lle ve as orellas ao lobo, criticou o formato de xeito enérxico esta mesma semana: «Quen sexa ao que se lle ocorreu esa merda merece ser despedido».

Un formato de tres partidos

As dúas últimas prazas en cada Conferencia decidiranse a través de tres partidos. No primeiro, o sétimo medirase ao oitavo e o que gañe accederá directamente ao play-off polo título. O perdedor desa final terá unha segunda oportunidade ante o gañador do duelo directo entre o noveno e o décimo.

A clasificación da liga, sobre todo na Conferencia Oeste, está moi apertada. E é onde hai máis morbo pola posibilidade real de que o actual campión, Os Angeles Lakers, non poidan nin aspirar a revalidar o título.

A primeira final do novo play-in depararía un duelo a vida ou morte entre LeBron James e Stephen Curry no Oeste. Pero todos os aspirantes a escapar da repesca están tan apertados que sería posible ver un tamén un duelo entre os Mavericks de Doncic (sextos) e Curry ou entre Lebron e os Portland de Lillard (quintos).

Xa hai oito equipos clasificados de xeito matemático para o «play-off»

Coa maioría de equipos aínda pendentes de disputar os seus últimos tres partidos da tempada regular —a ningúns, como aos Warriors, só lles quedan dous— xa se van perfilando os cruzamentos do play-off. En total, hai oito equipos co pasaporte á postemporada xa asinado: catro no Leste e outros catro no Oeste.

A Conferencia Este

Como vén sendo habitual, e é xa un problema crónico da liga, o Leste volveu a presentar moita menos batalla que o Oeste e hai equipos que accederán ás series polo título presentando máis derrotas que vitorias no seu balance.

Esta tempada, na competición oriental non hai habido demasiadas sorpresas. Philadelphia 76ers, o superproyecto de Brooklyn Nets e os Bucks de Antetokounmpo coparán as tres primeiras prazas. Miami Heat, finalista o pasado curso, tamén está clasificado. O morbo é comprobar se os Boston Celtics, actualmente sétimos, son capaces de pasar o corte.

A guerra do Oeste

Os Angeles Lakers partían como grandes favoritos a revalidar o título a principios de tempada, pero as lesións esnaquizaron a súa participación na fase regular relegándoos á pelexa para lograr a clasificación sobre a bucina. Nesas están os campións nunha campaña na que se produciu a explosión de tres franquías: Utah Jazz con Rudy Gobert como o mellor xogador defensivo de toda a liga, Phoenix Suns con Chris Paul aos mandos dunha nave que o curso pasado quedou ás portas, precisamente no play-in, e uns Denver Nuggets que apuntan a que coroarán a Jokic como MVP da tempada regular. Os Clippers tamén están xa clasificados.