Por fin, o medo cambia de bando

TORRE DE MARATHÓN

César Quian

A pesar de os apuros clasificatorios e á vertixe que inspira A Rosaleda, o deportivismo xa non sente que o partido está perdido antes de empezar

08 jul 2020 . Actualizado á 18:38 h.

A diferenza do Málaga-Dépor que xogou na Rosaleda fai cousa dun ano e un mes, probablemente o partido de hoxe non sexa un caramelo para as televisións. Nesta ocasión, as que se concentren fronte á pantalla serán, basicamente, dúas inchadas fartas de sufrir por dous escudos con aroma anello a Primeira División. Nunca é prato de bo gusto xogarse tanto fronte ao Málaga, un club con historia e traxectoria na elite que sofre as consecuencias dunha xestión kamikaze. Outra vez, porque a entidade languidece na súa resaca árabe despois de terse que liquidar e refundar a principios dos noventa.

Non importa demasiado a clasificación. O Málaga impón respecto na Coruña. E viceversa. É o peso da camiseta. Porque máis aló dun ano difícil, o historial de enfrontamentos di que sempre pasa algo. A anterior tempada o Deportivo gañou na Rosaleda nun duelo agónico no que se defendeu todo o partido como gato bandullo arriba para conservar a vantaxe obtida en Riazor e foi unha cantada de Munir a chute de Bergantiños a que puxo a descansar os esgotados corazóns branquiazuis. Aquela semifinal foi un inferno con final feliz. Dani Giménez, na primeira volta desta campaña, compensou o incompensable desgusto do play-off con outra tragada antolóxica cando o Deportivo de Luis César apenas tiña constantes vitais. Contra o Málaga, sempre pasa algo. E ademais acostumáronse a compartir obxectivos, xa sexa a permanencia ou o ascenso. E cando pasa algo, pesa o dobre.

Lembren os últimos enfrontamentos en Primeira, para variar, sempre coa auga ao pescozo. Como no curso do último descenso montouse unha melé sobre a liña de gol do Dépor e Chory Castro apuñalou unha vez máis as esperanzas do equipo, xa con Cristóbal no banco (aínda restaba a peregrinación polo deserto de Seedorf). Ou o gol de Ontiveros naquel partido do 4-3 con Garitano. Despois dun Málaga-Dépor na  Rosaleda con gol de Tristán, o dianteiro de La Algaba -que se sinalou o 9 ás costas e lanzou miradas ao banco- deu unhas declaracións a pé de campo que evidenciaban que algo non ían ben. E tamén foi contra o Málaga cando Luque deixou un memorable gol de chilena en Riazor. Un tanto de bandeira que vén de emular Christian Santos na última xornada. Na mesma portería. 

Os dous equipos son este curso unha procesión de desgrazas que agardan, xa que non o puideron facer nin en Semana Santa nin en San Xoán, a que o final de tempada expie os seus peixes e queime os seus meigallos. Paradoxalmente, escapando do descenso viven o seu mellor momento e o prognóstico dos dous equipos é bo. Dentro da gravidade, claro. Un 8 de xullo é un día perfecto para amarrar unha salvación á falta do trámite matemático. O empate non sería de estrañar, tendo en conta o que hai en xogo e que os locais son expertos en asinar duelos sen goles (son o segundo conxunto menos anotador e o que menos goles encaixa da categoría), pero se ningún gana terá pé e medio en Segunda División. E é o típico partido que non cheira a empate. O Dépor aínda non perdeu. Chega en bo momento e mostrando o mellor fútbol da tempada. Algo pasará, porque contra o Málaga sempre pasa algo. 

A transcendencia impón. Pero pese á vertixe á Rosaleda, as normas da liga obrigan a xogar contra todos os equipos. Non hai escapatoria, pero non pasa nada. Por primeira vez en moito tempo, a afección sente que se pode confiar no traballo feito e no que resta por facer. Dise que os adestradores non xogan, pero Vázquez demostrou que polo menos si adestran. Disipouse esa sensación de xa ir perdendo antes de que o árbitro pite. Coas tendencias na man, a diferenza da primeira volta, o medo cambia de bando