O Deportivo despréndese de Longo e vaise ao Venezia

La Voz

TORRE DE MARATHÓN

CESAR QUIAN

O club coruñés e o Inter de Milán acordaron resolver a cesión do dianteiro na Coruña

31 ene 2020 . Actualizado á 17:57 h.

Longo rematou  a súa cesión no Deportivo despois de que o club coruñés e o Inter de Milán, ao que pertence, acordasen a finalización do préstamo. Xogará no Venezia, tal como ofcializó o club trasalpino. O dianteiro italiano protagonizou un rendemento moi afastado das expectativas que espertara e nas últimas xornadas, xa con Fernando Vázquez no banco, nin sequera contara. O seu último encontro data do choque contra o Numancia, cando saíu nos últimos instantes. O futbolista convértese na terceira baixa confirmada do persoal branquiazul despois das de Jovanovic e Beto da Silva, aos  que o Deportivo rescindiu os seus contratos.

No adestramento deste venres, Longo quedou no ximnasio mentres o resto dos seus compañeiros exercitábanse sobre o verde da cidade deportiva. O non saltar ao céspede é un sinal significativo a apenas unhas horas de que se peche o mercado de fichaxes. Tras trece partidos en Liga, sete deles como titular, Samuele Longo non logrou ver portería rival. O italiano só puido anotar un gol vestido de branquiazul. Foi na Copa do Rey, na vitoria ante o Illueca e fíxoo de penalti. 

O club encara unha última xornada frenética no mercado de fichaxes, que lembra en gran medida ao pasado 1 de setembro, cando se pechou o mercado de verán. Aquel día a saída de Diego Rolan a México facilitou que se pechasen as incorporacións de Beto da Silva (unha obrigación daquel acordo co equipo de Juárez), Mollejo, Montero, Jovanovic e Salva Ruiz.