Punto insuficiente ante o Somozas para un Fabril mermado

Iván Antelo A Coruña

TORRE DE MARATHÓN

EDUARDO PEREZ

O equipo visitante pescou un punto en Abegondo grazas a un penalti e á falta de puntería local no tramo final

13 oct 2019 . Actualizado ás 20:39 h.

O Fabril, ao que lle faltaba medio equipo titular, desprazado ás Palmas para reforzar ao primeiro equipo, non puido pasar do empate ante un Somozas (1-1), que non atravesa pola súa mellor época. O equipo de Manolo García sacou rédito dun penalti e da falta de acerto local no tramo final do encontro, no que os de Luisito mandaron dous balóns aos paus.

Sen os laterais titulares (Vilà e Valín), sen o central Bourdal, sen o cerebro Gandoy e sen o extremo Javi Sánchez, Luisito tivo que tirar de fondo de armario para sacar un once co que dar continuidade á vitoria das Eiroas da semana pasada (1-3). Con todo, ao equipo faltoulle algo de fol e ritmo durante a primeira hora do encontro, na que dominou, pero que non foi capaz de facer dano ao rival.

O Somozas aproveitouno para marcar ao pouco de volver do descanso, nunha acción na que Aarón (un dos mellores do partido) confiouse e acabou cometendo penalti. Marcou Luis Nuño desde os once metros. A partir de aí, os locais tocaron a rebato, empataron con outro penalti, ben lanzado por Mario Losada, e esmagaron sen sorte a un rival ao que tivo contra as cordas. Os paus (de Pedro Martelo e de Mario Losada) e as paradas de Marcos Souto evitaron que o filial acabase remontando.

Un punto que afasta ao Fabril dos postos de play off, pero que tampouco saca dos postos de descenso a Preferente ao Somozas.

Ficha do partido

Fabril: Viorel; Eimil, Parga, Mujaid, Reinoso (Eugeney, min 83); Aarón, Kanouté, Villares , Iago Novo (Pedro Martelo, min 55); Jawed (Manu Mosquera, min 67) e Mario Losada.

Somozas: Marcos Souto; Belengi, Guillem, Moya, Ramsés; Juanito (Estevo, min 79), Juan Martínez; Luis Chacón (Dani Belas, min 74), Uzal, Juanma Torres; e Luis Nuño.

Goles: 0-1, min 55: Luis Nuño, de penalti; 1-1, min 70: Mario Losada, de penalti.

Árbitra: Zulema González González (colexio de Ourense). Amoestou aos locais Kanouté e Manu Mosquera; e aos visitantes Juanito, Uzal, Belengi, Ramsés, Eloy e Estevo.

Incidencias: duelo pertencente á xornada 8 do grupo 1 de Terceira División celebrado na cidade deportiva de Abegondo.