Era simplemente unha cuestión de capacidade?

José Manuel Pose

TORRE DE MARATHÓN

César Quian

06 oct 2019 . Actualizado ás 22:43 h.

As intencións do Deportivo cambiaron e tamén as súas accións. A reflexión que me deixa o partido é se este equipo é capaz de seguir xogando así de ben, se é simplemente unha cuestión de capacidade. Diante dun adversario fantástico en canto a xogadores non só soubo minimizalo, senón que foi dono do xogo. É certo que o Almería concede habitualmente o balón, pero o Deportivo, salvo en dous erros puntuais e idénticos aos do encontro do pasado xoves, pero con moita máis fortuna, apenas sufriu. quedo coas intencións claras que tiña cada xogador no campo e que o Deportivo por fin manifestouse como colectivo. A partir de aí, que o seu crecemento siga en próximas xornadas depende doutros factores. Para min, só queda afinar a fortuna no remate e examinar a calidade destes xogadores. Son como nos ensinaron ata agora? Ou como os que vimos esta vez en Riazor? Só deles depende .

Ata agora o Deportivo non fora capaz de reaccionar a goles en contra con rivais inferiores. Esta vez tivo a valentía e a capacidade suficiente de acosar en inferioridade a este Almería ata o final. É moi difícil de valorar a melloría en apenas un día e medio de adestramentos despois da derrota de Montilivi, pero este partido do domingo é unha realidade á que hai que agarrarse nas próximas xornadas.

É certo que este é un principio demasiado tardío, que pasou moita película para ver as mellores escenas, pero benvidas sexan e que veñan para quedar. Queda insistir no xogo e neste cambio para que cheguen os resultados. Pero, ollo con caer en conformismos e erros do pasado. Seguir nesta liña marcada debe conducir de forma imprescindible aos resultados.