A presión do Huesca supera a un Dépor que non se deu por vencido

pablo lópez

TORRE DE MARATHÓN

LOF

Pablo López, adestrador de fútbol e exanalista da selección de Camerún e do Deportivo, analiza o partido do conxunto branquiazul nO Alcoraz

25 ago 2019 . Actualizado á 23:30 h.

O Huesca xogou durante todo o partido 1-4-3-3. As novidades respecto ao primeiro partido foron Pedro López (lateral dereito) e Eugeni (interior dereito).

O Deportivo, pola súa banda actuou cun 1-4-2-3-1. Entraron no extremo dereito Pedro Sánchez por Borja Galán e no lateral esquerdo Luis Ruiz por Diego Caballo. Acabou xogando un 1-3-4-3 con Vicente por detrás dos dianteiros e Christian Santos e Longo de dianteiros.

Huesca

Fase defensiva

Sempre presionou avanzado, pasa de 1-4-3-3 a 1-4-4-2, indo Mikel Rico a presionar ao outro central e mesmo a Dani. Isto provocou que o Deportivo non puidese realizar ataque combinado e tivese que buscar ás veces xogo directo para evitar perdas no seu propio campo.

Transición defensiva

Gran presión e recuperación do balón en campo contrario, e se non era capaz de recuperar, facía falta para evitar o contraataque do Deportivo.

Fase ofensiva

Intentou, e bastantes veces conseguiu, facer ataque combinado desde atrás, mesmo nos saques de porta, colocando aos centrais dentro da área de penalti.

Coa mobilidade dos seus interiores e extremos, conseguía chegar á área contraria ou provocar faltas próximas á meta do Deportivo. Os interiores e extremos intercambiábanse posicións para poder recibir o balón no espazo que había entre a liña de medios e a liña de defensas do Dépor.

Balón parado

O Huesca realizou varias accións de estratexia coñecendo que o Deportivo posicionaba o seu defensa moi preto da súa portería, Luisinho, a pase de Pedro Mosquera, case consegue marcar nunha delas desde a frontal da área.

Deportivo

Fase defensiva

Realizou presión en avanzado. Axudaba Aketxe a Kone, posicionándose con dous dianteiros e facendo presión en forma de V (un dianteiro ía a un central e o outro estaba pendente do medio centro [Mosquera]), para que non recibise, e viceversa. A superioridade numérica realizábaa o Huesca por dentro nun 3x2 das súas 2 centrais e Pedro Mosquera contra os dous dianteiros do Deportivo.

Fase ofensiva

Intentou xogar combinando desde atrás, pero a boa presión do Huesca fixo que acabase buscando máis balóns en longo cara a Koné, e provocou que Gaku viñese buscar o balón preto dos centrais para logo xogar pase interior ou cambio de orientación; isto provocaba algunhas recuperacións do Huesca.

Houbo momentos en que Kone gañou algún balón de costas en cobertura técnica e axudaba a que o Deportivo chegase á área do Huesca.

Despois do 3-0, co cambio de sistema o Deportivo, pasa a ter superioridade numérica no medio do campo, realizando máis centros e chegadas á área, para intentar acurtar distancias.

Claves

1. O VAR decreta que Koné estaba en fóra de xogo cando introduciu o balón na portería contraria.

2. A transición defensiva do Huesca que, grazas aos desdobramentos e á presión defensiva sobre o xogador que ten o balón, permite recuperar moi rápido e preto da área do Deportivo. Así consegue marcar o primeiro gol, desequilibrando o partido.

3. Gol nun momento clave a nivel psicolóxico xusto antes de que acabe a primeira parte.

4. Despois do 3-0, Anquela cambia xogadores e sistema, pasando finalmente a un 1-3-4-3 cunha media punta (Vicente) e 2 puntas (Santos e Longo), nas bandas Aketxe e Koné; Bergantiños e Gaku en mediocampo, deixando atrás a Bóveda, Lampropoulos e Luis Ruiz. Sistema arriscado pero co que conseguiu que o Huesca non puidese combinar en curto desde atrás. Pasou a ser un partido de transicións que beneficiou ao Deportivo conseguindo achegarse no marcador.

5. Salvou Dani o 4-1 no desconto.