00031565553191212833784

Era un saque de banda de aparencia normal

Xurxo Fernández Fernández
Xurxo Fernández A Coruña

TORRE DE MARATHÓN

ANGEL MANSO

O gol do Deportivo no Teresa Herrera, resultado directo do traballo en Abegondo

12 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Bóveda que se aproxima á área. Bóveda que atopa o oco entre Pedraza e Feddal. Bóveda que acada o punto de penalti grazas a un control orientado, aproveitando a conexión con Koné. Bóveda que axusta o disparo, outra vez recorrendo á súa zurda, para salvar a saída de Joel.

Así conclúe un gol que arrinca con Bóveda dirixíndose a sacar de banda, para non sacar. Ou moito antes. Calquera día entre semana en Abegondo. «É algo preparado, traballado», revelaría Bóveda despois. Ao lateral cústalle menos que ao míster ler en voz alta os partidos e as intencións do equipo. Compartir a súa interpretación do novo Dépor ata chegar ao detalle; como o do 1-0 ao Betis. «O gol vén de inicio desa xogada», sostén o carrilero vasco, aludindo ao momento no que atravesa a liña de cal e agarra coa man o balón que Sidnei expulsou por un lateral.

Pero non é Bóveda o que saca. Limítase a entregarlle a pelota a Galán. «Entre outras cousas búscase xerar espazos a xogadores máis hábiles. En saque de banda, unha xogada típica é que che devolvan o balón. Neste caso, que llo devolvan a Galán seguramente sexa mellor que que ma devolvan a min. É o seu sitio natural. El relaciónase máis con ese tipo de acción. Estableceu unha boa relación con Ager nesas xogadas», detalla Bóveda, debullando en sala de prensa o que se pode apreciar revisando os 13 segundos que levan ao gol.

Porque efectivamente, Galán envíalle o coiro a Aketxe, quen, atosigado por Pedraza, devólveo para despois completar unha parede. Salvada a presión en espazo reducido, o seguinte en intervir é Bergantiños, xa no carril central. Desde alí, sen marcadores próximos ?atraídos pola execución do saque de banda?, ao capitán élle moito máis sinxelo levantar a cabeza e atopar a Koné na frontal. Ás costas do punta móvese xa Val e tamén o próximo receptor do balón. Ese Bóveda que se aproxima á área, e atopa o oco, e controla para acadar o punto de penalti e bater a Joel. O que despois, en sala de prensa conta que «son xogadas que cando saen lévasche unha alegría e a xente que o prepara séntese reforzada». Así de doado. Sen nada que esconder.