Koné: «Prefiro de dianteiro centro»

TORRE DE MARATHÓN

Marcos Míguez

Koné agarda escapar por fin das lesións e ascender para seguir no Dépor

23 jul 2019 . Actualizado á 17:15 h.

Mamadou Koné aínda non fixo faragullas co castelán. Por iso, cando lle preguntaron acerca do peso das urxencias creu que a cuestión volvía sobre os seus problemas físicos. Quería o xornalista coñecer canto necesita demostrar o marfileño tras tres tempadas discretas, e o punta respondeu o seu antollo. «En Bélxica xoguei varios partidos sen lesionarme nin nada», proclamou, abundando nunha reflexión previa que si viña a conto: «Non tiven moitas lesións, pero chegaron no momento máis inoportuno». En sete minutos de intervención aínda tivo tempo de volver ao tema: «Este ano agardo que me respecten as lesións e poder demostrar o que vallo».

Precisa sacudirse Koné ese incómodo cartel de xogador de cristal que xa colgou o curso pasado do seu predecesor na praza. O Deportivo pagou carísima cada xornada de baixa de Carlos Fernández e a última fichaxe en ser presentado vén ao que viña o andaluz: «Podo xogar en varias posicións, pero a que prefiro é a de dianteiro centro».

Chega por unha cuestión de cariño. Ao seu novo club -«é o Deportivo da Coruña, iso atrae a todos os futbolistas»-, e ao encargado de recrutalo: «Fai moito que Carmelo confía en min, e cando veu falar comigo non dubidei nin un segundo en tomar a decisión».

O propio Do Pozo detallou as condicións do vínculo. «Conseguimos que se todo sae ben, quede connosco», aclarou. Se non hai ascenso, non hai máis Koné, porque, como aclarou o autor da fichaxe, «hai contratos que en Segundo non se poden asumir máis aló dunha serie de tempadas». É fundamental reter ao novo.