Lucas Pérez xogará no Alavés as próximas tres tempadas

TORRE DE MARATHÓN

JOHN SIBLEY | REUTERS

O acordo xa é oficial e o club vasco pagará 2,5 millóns de euros ao West Ham

03 jun 2019 . Actualizado á 19:58 h.

Lucas Pérez xa é novo futbolista do Alavés. O dianteiro coruñés chegou a un acordo co club vitoriano para vestir de branquiazul as próximas tres tempadas con opción a unha cuarta. O pacto entre o punta herculino e a entidade vasca é total e só restaba que os clubs o fixesen oficial , algo que sucedía ás 18:30 horas deste luns. O West Ham embolsarase 2,5 millóns de euros polo traspaso do galego.

Deste xeito, Lucas Pérez regresa a España con 30 anos e un futuro que, todo fai indicar que estará vinculado ao Alavés ata a súa retirada. O West Ham véndeo despois de fichalo o pasado verán e aínda con dous anos máis de contrato (ata o 2012). Con esta operación recupera, aproximadamente, a metade do investido cando o comprou ao Arsenal por 5 millóns de euros. Cabe lembrar que este club, á súa vez, abonara 20 millóns ao Dépor no verán do 2016, no que supuxera a venda marca na historia dun futbolista galego. Meses despois, a entidade branquiazul recuperouno por un ano, aínda que a súa achega estivo lonxe de ser a agardada.

Neste último exercicio na Premier, Lucas Pérez disputou 15 partidos e anotou 3 goles. Ademais, na Copa da liga, xogou 3 partidos e marcou 2 tantos, participando outro encontro (44 minutos) na Copa inglesa no que lle deu tempo oa marcar un gol.

A chegada de Lucas ao Alavés ten un nome propio, o de Asier Garitano, que a próxima tempada substituirá a Abelardo no banco de Mendizorroza. O técnico vasco xa o pretendera a pasada tempada para a Real Sociedade, aínda que finalmente non houbo acordo co Arsenal e acabou recalando no West Ham.