Adestrar a mente

Pepe Velo

TORRE DE MARATHÓN

MARCOS MÍGUEZ

25 mares 2019 . Actualizado ás 12:21 h.

Foi un erro crear un ambiente de que o camiño indispensable para o ascenso pasaba por gañar os tres partidos seguidos en Riazor. Se non o consegues, como desgraciadamente sucedeu, provoca frustración, bloqueo mental e perda de confianza nos xogadores e a afección. Considero que se deben fixar metas a moi curto prazo e obxectivos dinámicos en función dos resultados obtidos, non adiantando acontecementos que moitas veces resultan incertos. Son metas dinámicas, porque haberá que cambialas en función das situacións que ocorran ao longo da tempada. Se a mente non funciona porque está bloqueada, o corpo tampouco o fará, os xogadores non van executar as accións marcadas e van tomar malas decisións, porque teñen medo a tomalas. A mente sempre está por amais de formulacións tácticas, preparación física, aliñacións ou estado de forma.

E a mente adéstrase? Por suposto. Hai técnicas psicolóxicas para traballar tanto a autoconfianza como a mente en positivo, a concentración ou o medo a fallar. Agora, se cadra no canto de visionar erros, hai que ver o que o xogador facía cando empezou ao tempada, que gañaba máis partidos. Debe lembrar momentos nos cales protagonizou unha actuación brillante e todo saía moi ben, non estar soamente pendente dos erros cometidos. Hai que buscar rebobinar a mente e póla en positivo. Tamén hai técnicas psicolóxicas para controlar os pensamentos negativos. Que pasa se saio ao campo e o primeiro control que fago vaise fóra e a xente bérrame? O traballo mental é moi importante, pero hai que adestralo igual que outros aspectos ao longo de toda a tempada.

O obxectivo sempre é gañar o próximo partido, pero os xogadores reciben moitas mensaxes: da afección, dos medios, dos seus amigos, dos seus familiares,... Por exemplo, non pode saír un dicindo que este partido é unha final e o adestrador, que non é decisivo. No vestiario ten que haber unha mensaxe e un pensamento únicos, e para iso hai que traballar a mente. Tamén a afección ten que pensar en positivo, a pesar de que a situación do Deportivo non xera alegría. Quedan 33 puntos en xogo e o apoio do público vai ser clave. Eu non tiro a toalla. Hai que afrontar tamén os malos momentos e non darse nunca por vencido.

Pepe Velo é psicólogo, técnico nacional e profesor da Escola Galega de Adestradores