«Son o primeiro que me esixo e Riazor sabe a quen pode esixir»

TORRE DE MARATHÓN

CESAR QUIAN

Pedro Mosquera rexeita que ao Dépor estea a pesar cumprir as expectativas diante dos seus afeccionados

09 mar 2019 . Actualizado á 16:43 h.

Se hai un deportivista co que a esixencia sempre se revela máxima, ese é Pedro Mosquera (A Coruña, 1988). Cando non vale o aprobado justito para un equipo que leva todo o campionato enganchado ás posicións altas, pero sen dar o salto cara á cima, o mediocentro chama á calma, á fortaleza e á unión para que o Deportivo saia aínda máis preparado cara á recta final de Liga.

-Está a xogar nunha posición diferente á de mediocentro por diante da defensa, que é na que participara máis no Deportivo.

-Son percorridos moi diferentes. Quizá agora máis verticais e non tan horizontais. Son esforzos distintos, pero cada vez estoume sentindo máis cómodo, estou cada vez pisando máis área e iso é o importante nesa posición.

-Todo un reto, porque nunca foi un xogador de chegada.

-Si, é unha posición que che esixe presionar un pouco máis cara adiante e que cando non teñas balón, e a xogada vaia polo lado oposto, chegar ao remate. Nese sentido, cada vez estouno collendo mellor. Cada vez estou a interpretar mellor esa posición.

-Houbo un momento da tempada na que se debateu o seu entendemento con Bergantiños, pero agora ambos parecen indiscutibles.

-Sempre fomos compatibles. De feito, na tempada de Víctor Sánchez do Amo, Álex e eu xogamos moitos partidos xuntos. Sen ir máis lonxe, o derbi que gañamos en Riazor por 2-0 xogamos aí e sempre nos habemos compenetrado moi ben.

-Xoga o Deportivo intranquilo en Riazor?

-Non, eu creo que a bancada esixe o que ten que esixir. Nós somos ambiciosos e queremos estar o máis arriba posible. É verdade que nos últimos partidos na casa ás veces por mala sorte, outras por non pechar os partidos, estamos a conseguir empates no canto de vitorias e perdes dous puntos que ao final poden ser moi importantes. Si que é verdade que estamos amolados por iso, porque os dous últimos partidos na casa tiñámolos na man e nos últimos minutos escapáronnos catro puntos. Hai que ver o que pasa e corrixilo.

-Os únicos problemas foron non pechar os choques e a falta de eficacia?

-Os últimos partidos na casa fóronllenos por detalles, non porque o rival fose mellor que nós, senón por detalles: que cando vas gañando non pos toda a atención na segunda xogada, a eses balóns que parece que non van a ningunha parte, pero que poden ser perigosos.

-Entón estase pasando a bancada de esixente co Dépor?

-Eu son o primeiro que me esixo e Riazor sabe a quen lle pode esixir. E que sempre me esixan será benvido. De feito, os partidos que xoguei ben este ano a bancada aplaudiume e sentinme moi ben. Síntome moi ben xogando en Riazor e agardo que iso siga así.

-Ve a máis compañeiros levar esa esixencia tan ben como vostede?

-Niso o míster está a incidir moito. Dinos que dentro da nosa propia esixencia temos que ter esa calma de que nos momentos difíciles que veñan, que ao final lle veñen a todos os equipos, é cando máis fortes temos que ser e a partir de aí crecer e manter esa regularidade de puntos que estamos a ter.

-Que cando non se poida gañar, empatar.

-É que os últimos partidos fóronsenos en detalles. O do outro día fomos superiores a partir de que nos marcaron o penalti e tiñamos a sensación de que iamos gañar o partido. De feito, remontamos, pero por unha xogada boba… A nosa ambición sempre son os tres puntos.

-Pero son moitos empates, entende que a xente estea preocupada?

-Si, claro, é normal, porque levamos bastantes empates na casa ultimamente. Pero tamén é certo que se ningún destes fose unha vitoria, todo pintaría moi ben.

-Porque a pesar da mala serie o obxectivo segue sendo acabar entre os dous primeiros, non?

-Si, a nosa ambición segue sendo estar arriba. Ademais, a pesar destes últimos resultados na casa, queremos xa esta fin de semana conseguir os tres puntos para volver engancharnos ás dúas primeiras posicións.

-Mentalmente é máis complicado centrarse para tres partidos seguidos na casa que para o ritmo habitual de casa e fóra?

-Eu non, eu véxoo como unha boa oportunidade. O outro día empatáronnos no minuto 86, pero se gañásemos, estariamos coa moral polas nubes e falando da posibilidade de sumar nove puntos seguidos (cos tres seguintes seguros contra o Reus). Só por detalles non foi así.

«Teño moi bos recordos de Pepe Mel, desde que chegou deume moita confianza»

A volta de Pepe Mel domingo (20.00 horas, LaLiga 123 TV) co As Palmas non se converte nunha visita máis para Pedro Mosquera, con quen durante a estancia do adestrador madrileño na Coruña o xogador do Dépor mantivo unha relación especial. Da súa man, marcou o seu último gol como branquiazul e agora soña con volver repetilo nun choque que, segundo subliña, debe reenganchar ao seu equipo á pelexa polas posicións de ascenso directo a Primeira.

-Que recordo garda de Pepe Mel?

-Moi bos. Desde que chegou deume moita confianza. Viño para xogar contra o Atlético, fixemos moi bo partido e sentinme moi cómodo. E logo fomos a Xixón, que para min foi moi especial, porque marquei un gol moi importante e foi o equipo que quedou por baixo de nós, así que supuxo unha vitoria de seis puntos.

-Foi o seu último gol?

-Si, pero estiven a punto o luns.

-Deulle moitas voltas á xogada?

-A verdade é que pensei que chegaba Quique, pero el pasou por diante do balón, pensei que o ía a tocar e como agardaba que se desviase a traxectoria logo colleume moi rápido e non me deu tempo a levantar a perna. Logo púidenlla devolver coa asistencia do empate.

-Canto dano lles está facendo a baixa de Carlos Fernández?

-Calquera baixa é importante para nós. É certo que temos un bo persoal e xogadores que o fan ben cando salguen. Pero Carlos estaba a ser un xogador diferencial, non só marcando goles, senón facendo moitas cousas para o equipo con e sen balón, e é verdade que é unha baixa importante.

-É o Messi do Deportivo?

-É difícil facer comparacións, pero si é verdade que marca a diferenza nesta categoría.

-Cre que o equipo está a botar de menos un líder no campo?

-Non, non creo que sexa iso. O outro día fomos mellores que o Alcorcón, pero foi por un detalle, e contra o Nàstic houbo moita diferenza, pero castigounos a falta de efectividade. Non ten nada que ver con iso.

-Que van xogar no partido do domingo?

-Seguir pelexando polas posicións de ascenso directo.

-Co equipo quinto clasificado e preocupación no ambiente, asina a promoción?

-Temos que ser o máis ambiciosos posible sempre.