O cuarto dobrete de Quique González non foi suficiente

Álvaro Vega

TORRE DE MARATHÓN

César Quian

O Dépor xa é o sexto equipo máis realizador na historia de Segunda división

04 mar 2019 . Actualizado á 23:54 h.

Este luns o Deportivo pechou a 28ª xornada de Liga cun tropezo en Riazor fronte ao Alcorcón (2-2), un rival que só coñecía a derrota nas súas dúas primeiras visitas ao feudo coruñés (2-1 en 2010/11 e 1-0 en 2013/14), e que con este empate, deixa ao cadro branquiazul a catro puntos da zona de ascenso á elite.

Non arrincou ben o partido para os de Natxo González, que no minuto 12 xa perdían grazas á pena máxima transformada por Esteban Burgos. A pesar de este primeiro contratempo, o conxunto herculino soubo reaccionar e deulle a volta ao marcador con dous tantos de Quique González, que acumula trece dianas coa elástica herculina, cun total de catro dobretes -ante Granada, Gimnàstic, Oviedo e Alcorcón-.

Pero cando o choque encaraba a recta final, Víctor Casadesús deixou xeado Riazor establecendo o empate definitivo, que supuña ademais o gol número 800 en partidos do Alcorcón en liga regular de Segunda división -408 tantos alcorconeros e 392 dos seus adversarios (sete deles, do propio Deportivo)-.

O outro protagonista numérico do encontro foi Álex Bergantiños, que redondeou a cifra de 200 partidos na categoría de prata do fútbol español, sumando o seu historial con Xerez (31), Selecta (6), Gimnàstic (22), Sporting (36) e Dépor (105); o medio galego acumulou neste bicentenario 102 vitorias, 52 empates e 46 derrotas, así como seis tantos.

A nivel estatístico, o dobrete de Quique permite ao Deportivo igualar ao Levante como sexto equipo máis goleador na historia da categoría, con 1.881 tantos, aínda que os branquiazuis necesitaron oitenta partidos menos que os granotas (1.230 vs 1.310) para acadar o rexistro dos granotas; máis lonxe queda o quinto lugar do ránking, ocupado polo Tenerife, con 1.962 dianas no seu haber.