Vinte e catro no día 1

TORRE DE MARATHÓN

GONZALO BARRAL

Hoxe comeza oficialmente a nova tempada con moitas incógnitas aínda no Deportivo

01 jul 2018 . Actualizado á 05:00 h.

Hoxe comeza, de forma oficial, a tempada 2018-19. E con ela entran en vigor os novos contratos e deixan de ter validez os vellos. Hoxe dáse o pistoletazo de saída ao novo Dépor, que nunha semana terá que empezar a exercitarse. O día 9 están citados a maioría dos xogadores para pasar probas médicas e dous días despois iniciar os adestramentos.

E a nove días do inicio da actividade, a entidade branquiazul conta con 23 futbolista con recoñecemento de primeiro equipo: 13 que continúan da tempada pasada, 4 fichaxes, 4 regresos de cesión e 3 fabrilistas con galóns de primeiro persoal. De todos eles, o único claro é que os catro novos e Bergantiños terán ficha do 1 ao 25 cando ao balón comece a rodar a mediados do mes que vén.

Catorce dos que o ano pasado concluíron a tempada xa dixeron adeus de forma anticipada. Uns porque concluían contrato, outros porque lograron que o club os traspasase. E, dos trece que quedan, o Deportivo ten interese por colocar a varios, ben porque agarda recuperar a alta cifra investida neles (Guilherme é o caso máis significativo), ben porque non entran nos plans de Natxo González (Krhon-Dehli, podería se un disto casos). Logo están aqueles cuxa alta ficha parece complicar a súa permanencia, pero que o Dépor tampouco regalará. Neste caso, Sidnei sería o máximo expoñente.

Aínda que a cita marcada no calendario do primeiro persoal para volver é o día 9, os internacionais terán un permiso maior. É máis, o club aínda non lles comunicou a data de regreso. E é que co escaparate mundialista aí, é probable que sexan minoría os que poidan regresar. A intención do club é que tres dos que teñen contrato en vigor (Borges, Schär e Francis) sigan na Coruña, pero na praza de Pontevedra entenden que contarán con propostas e será difícil mantelos.

Entre os fabrilistas con galóns de primeiro equipo están Francis, que se queda alternará filial e Dépor; e Edu Expósito e Bicho, ambos con contrato de primeiro equipo, que habería que renegociar en caso de non dárselles dorsal. Co catalán non parece que vaia suceder, si co sadense.

O último dos grupos é o dos cedidos que regresan: Bergantiños será do persoal, Róber parece que quere seguir en Primeira, Rolan negociará o seu traspaso e Saúl é unha incógnita por desvelar.