Krohn-Dehli chega cun obxectivo: «Gañar partidos e sumar puntos»

Alexandre Centeno Liste
Alexandre Centeno A CORUÑA / LA VOZ

TORRE DE MARATHÓN

O medio danés está convencido de que «con traballo» o Deportivo salvarase

30 ene 2018 . Actualizado á 22:42 h.

Non é o mesmo loitar por gañar a liga Europa, por meterse en Champions ou pola Copa do Rey, que facelo por manter a categoría. Pero Krohn-Dehli ten claro que, máis aló de metas finais, o seu obxectivo é o mesmo no Dépor que no Sevilla ou anteriormente no Celta: «Gañar partidos e sumar puntos».

Para o danés, que este martes realizou o seu primeiro adestramento como branquiazul, a súa primeira meta é «traballar ben cos meus compañeiros e axudar ao equipo en todo o que poida». No que poida e onde lle mande Cristóbal, aínda que avisa de que non é o mediocentro defensivo agardado pola afección. «As miñas principais cualidades non son defensivas, pero xoguei en diferentes posicións. No Celta, con Luis Enrique, algunha vez tamén xoguei así. Son máis de ataque e de actuar polo centro, aínda que incluso xoguei na banda», explicou.

Na banda ou onde sexa asegura estar preparado para enfundarse de inmediato a elástica branquiazul e xogar incluso o vindeiro venres (21 horas, beIN LaLiga) en Anoeta contra a Real Sociedade. «Atópome ben. Levo adestrando todo o ano con normalidade co Sevilla e incluso xoguei bastantes partidos na primeira volta. Así que considero que estou ben, pero claro que iso depende do que decida o adestrador», subliñou.

Revela que a súa fichaxe polo Dépor «realizouse moi rápido» e que non tivo problema ningún por asinar polo eterno rival do Celta. Non renega do seu pasado celeste -«sigo sendo o mesmo e ségueme gustando Vigo», sinala- pero cre que na Coruña inicia unha nova etapa e por este motivo pensa que a súa antiga afección debe entendelo.

Coas ideas claras chega o danés a un vestiario no que asegura que viu «moi bo ambiente» e a xente «contenta e con moitas ganas de traballar», salientou.

Sabe que é difícil loitar desde os postos de cola da clasificación, pero cre que o Dépor ten equipo para metas superiores e que tampouco faltan ganas. «Coñezo a case todos os xogadores, non persoalmente, pero si de velos xogar e enfrontarme a eles. Vexo un bo grupo, que hoxe realizou un adestramento moi bo e que ten ganas de mirar á fronte. Non é doado xogar nesta situación, pero só hai un xeito de saír dela: «Traballar moito día a día, mirando partido a partido. É complicado, pero imos lograr», apostilou o novo deportivista.