0003_201801G30P35991

Colecta para o medio defensivo

Alexandre Centeno Liste
alexandre centeo A Coruña / LA VOZ

TORRE DE MARATHÓN

GONZALO BARRAL

Tras a chegada de Krohn-Delhi, o Dépor trata de colocar algúns xogadores, entre eles Çolak, para afrontar a compra dun futbolista que satisfaga a Cristóbal

30 ene 2018 . Actualizado ás 11:22 h.

A dous días do peche do mercado invernal, o Deportivo segue sen o mediocentro defensivo que solicitara Cristóbal e cuxa procura chegou a confirmar Tino Fernández ante as cámaras de beIN Sports antes do partido do Bernabéu. Chegaron un porteiro, un lateral adaptable ao eixo da zaga, e un mediocentro, pero de corte ofensivo.

Tres incorporacións que case fixeron verse de novo as telarañas na caixa de caudais da praza de Pontevedra. Para facer fronte a estes gastos só se han ir Alejandro Arribas (entre ficha e traspaso deixou pouco máis de 1,5 millóns e medio de euros) e Saúl García (o diñeiro aforrado tras a súa marcha é testemuñal). Con esta cantidade, lixeiramente superior ao millón e medio, o club tivo que tapar un pequeno buraco xerado pola contratación de Pantilimon o último día do mercado de fichaxes tras a lesión de Rubén, e acometer as chegadas de xaneiro.

Por este motivo, a entidade que preside Tino Fernández busca agora capital que poder investir na chegada dese futbolista de corte defensivo que poida mandar no centro do campo que ansía o seu adestrador. Para iso busca saída a varios futbolistas que permitan liberar fichas e, xa que logo, diñeiro para investir na contratación do mediocentro.

Neste sentido, un futbolista figura nun lugar preferente na rampla de saída como o idóneo para recadar: Emre Çolak. O desencontro da semana pasada entre o futbolista turco e o seu adestrador, que provocou que non fose convocado para o partido contra o Levante, levou aos reitores do club a exporse a posibilidade de atoparlle acomodo ante o temor de que deixe de contar definitivamente para o técnico. Así, intentaría, por unha banda, aforrarse o diñeiro da ficha e, por outro, tratar de obter algo por un traspaso. O Deportivo é consciente de que Çolak pode ser un futbolista apetecible para moitos clubs, polo que non quere darlle a carta de liberdade sen máis. Así que se non atopa unha boa proposta de traspaso, intentaría cedelo.

De momento, non hai nada. É máis, o xogador, a pesar de que entende que o ten difícil con Cristóbal, atópase tan a gusto e identificado coa cidade que non vai forzar a saída. Se o club o quere ceder ou traspasar, acatarao, pero el non promoverá esta posibilidade.

Posibles saídas

Obviamente, non é a única vía recadatoria que manexa a entidade que dirixe Tino Fernández, aínda que as outras reportarían menos diñeiro para acometer contratacións. Son os sabidos casos dos descartes de Cristóbal.

Coa chegada de Koval é necesaria a saída, polo menos, dun porteiro, aínda que non se descarta que sexan dous (Pantilimon e Tyton) os que poidan abandonar o Deportivo. O romanés ten algunha proposta, mentres que o polaco, que necesita xogar para acudir ao Mundial, non presentou aínda ningunha.

Si tivo ocasión de abandonar o Dépor Gerard Valentín, outro damnificado polos reforzos, xa que se converteu no terceiro lateral. En decembro tivo unha proposta do Alavés, pero o Dépor non lle permitiu reforzar a un rival directo. Agora, o club quere cedelo a un Segunda, pero el resístese. En negociacións atópase tamén Bruno Gama, que acaba contrato este ano e parece que forzará ata o 31 para que o club, ante a necesidade de liberar fichas, poida darlle a baixa incentivada.