Trampolín deportivista ao Mundial

TORRE DE MARATHÓN

GONZALO BARRAL

Dezaoito futbolistas disputaron esta gran cita internacional sendo branquiazuis

11 oct 2017 . Actualizado á 05:00 h.

Ao longo dos seus case 111 anos de historia, o Deportivo tivo decenas de futbolistas internacionais, que en moitos casos disputaron grandes citas internacionais. Pero a gloria de participar no torneo por seleccións absolutas máis importante do planeta, o Mundial, só estivo, ata o de agora, ao alcance de dezaoito xogadores. A clasificación para o de Rusia selada por Celso Borges e Tyton podería elevar a cifra ata a vintena, de confirmarse a súa convocatoria o próximo verán. Ademais, á hora de peche desta edición, estaba pendente de lograr a clasificación Uruguai (case segura), co que Fede Valverde elevaría esta cifra ata 21. En mans de Fabian Schär e de Suíza está acadar o número de 22 mundialistas para o Deportivo tras a repesca.

Oito anos tiveron que transcorrer para que o club branquiazul poida volver gozar de futbolistas nesta gran cita. O anterior, Andrés Guardado disputou tres (2006, 2010 e 2014), sendo branquiazul durante a celebración do segundo.

Despois de, obviamente, España, que contou nas súas convocatorias mundialistas con sete futbolistas do Deportivo, Marrocos é a selección que máis tivo nas súas filas. Nourredine Naybet, Mustapha Hadji e Salahedine Bassir. Dous goles do pequeno dianteiro e outro do centrocampista non foron suficientes para que a selección alauita pasase á seguinte fase. Sumou catro puntos pero quedou apeada nun grupo no que pasou o Brasil como campioa. Os canarinhos acabarían segundos.

Nesta nómina de 20 futbolistas cabe destacar a Chacho e a Juanito Acuña, que abriron o camiño. O dianteiro, no ano 34 e o porteiro, no 50, aínda que este último non chegou a disputar ningún encontro, aínda que si figura na convocatoria oficial da federación española.