Guilherme: «O obxectivo é quedar entre o oitavo e o duodécimo»

TORRE DE MARATHÓN

LOF

O brasileiro non se conforma con manter a categoría e exhibe optimismo

10 ago 2017 . Actualizado á 16:30 h.

«O noso obxectivo e o meu é estar entre o 8º e o 12º, como pensabamos o ano pasado. Non puidemos pero creo que este ano si o faremos. O meu pensamento é ese, creo que temos equipo para iso». Así de atrevido e optimista móstrase Guilherme, un dos homes que se presumen como titulares de cara ao comezo da liga.

O centrocampista branquiazul está ansioso por iniciar a competición e, o feito do primeiro partido sexa contra o Madrid, lonxe de amedrentalo, anímao máis: «É o mellor xeito posible, xogando na casa contra un grande equipo. Paréceme ben. Temos que facer un gran partido e puntuar na casa. Todo o mundo xa sabe o que é o Real Madrid. Temos que facer o noso traballo ben feito», asegura.

Guilherme afronta a tempada coa confianza de ser xa propiedade do Deportivo e iso asegura que o reforza: «Creo que teño máis responsabilidade, vou intentar dar o mellor para poder devolver a confianza depositada en min. O meu obxectivo a tempada pasada era facer un bo campionato e axudar. Grazas a deus asinei un bo contrato aquí e síntome con máis confianza para facer o meu traballo», subliñou antes de admitir que lle gustaría que volvese Lucas, aínda que, máis aló do nome do dianteiro, entende que fai falta reforzar un pouco máis ao equipo.