Mel: «O erro de Arribas pasa unha vez cada 100 partidos»

La Voz REDACCIÓN

TORRE DE MARATHÓN

César Quian

O adestrador do Dépor quere illar ao seu equipo das mensaxes «negativas e catastróficas» que chegan da contorna

07 may 2017 . Actualizado á 21:20 h.

Pepe Mel estaba desgustado coa derrota do Deportivo ante o Espanyol (1-2), pero está convencido de que xogando como na segunda parte, o obxectivo da permanencia chegará. O técnico defendeu aos xogadores branquiazuis e lamentou o erro de Arribas, que deixou «noqueado» aos coruñeses todo o primeiro tempo. 

«Entraramos ben ao partido, chegaramos dous ou tres veces, e o gol do Espanyol liquidounos, deixounos noqueados toda a primeira parte. Cando un necesita con tanta urxencia un bo resultado, poñerte en contra así é un golpe que se encaixa. Intentámolo arranxar no vestiario, saímos ao segundo tempo coma se fósemos 0-0, pero só metemos un. A segunda parte foi para gañar, non para empatar. Antes do 0-1 e durante toda a segunda parte non podo dicirlle nada ao xogadores. Fixemos moitas ocasións a un equip que defende moi ben», quixo poñer en valor Pepe Mel.

O técnico do Dépor viu «clarísimo o problema» ante o Espanyol: «Os primeiros córneres foron nosos, os primeiros disparos foron nosos, pero o primeiro erro tamén é noso e no fútbol profesional isto mátate. Foi unha desgraza o primeiro gol, que pasa unha vez cada 100 partidos», en referencia ao fallo de Arribas. 

Mel quixo facer un búnker do vestiario do Deportivo: «O ambiente non nos axuda moito. Todas as mensaxes que recibimos de fóra son malos, negativos, de que todo vai ser catastrófico. Nós soíños metémosnos nisto, pero se xogamos coas ganas da segunda parte, o que necesitamos imos sacar», dixo Mel en varias ocasións durante a súa rolda de prensa. 

«O vestiario está pesaroso por como van as cousas, non lles deixo falar de mala sorte porque é un erro técnico. Pero quero dicirlles que a forma de saír é esta, arrinconamos a un equipo de metade de táboa, pero só puidemos facer un gol. O cambio de actitude en canto a ir cara arriba, enrabietados, foi claro», abundou o madrileño.

Mel dixo entender o cabreo da afección do Dépor, que pitou en varias ocasións ao equipo. «A xente ten todos os argumentos para cabrearse, pero todo aquel que teña un pouco de perspectiva ve que o equipo quixo gañar na segunda parte, fixo unha segunda parte magnífica, con paus, ocasións... Non nos deu para gañar, pero dos tres implicados no descenso, o mellor colocado é o Dépor. Seguiremos sufrindo pero conseguirémolo seguro. Prefires ser prensa da Coruña ou de Xixón? O meu amigo Rubí cambiábase comigo cos ollos pechados. Iso é o que teño que illar aos futbolistas. Que se aislen un pouco de todo e só me escoiten a min. Que na súa cabeza teñan os últimos 50 minutos de partido, que é a forma de conseguir os puntos que necesitamos, que non son 20 nin 30, que é un. A negatividad que nos rodea non pode perforar o vestiario», expresou o adestrador branquiazul. 

Mel explicou os problemas do Dépor no ataque da primeira parte: «Cun porteiro como Diego López, cun centro medio globo non rematas nin un. O importante é chegar para poñela, pero a puxemos mal. Díxenlles no descanso que tiñamos que atacar a liña de 4 defensas, abrir moito o campo con Onda John e Juanfran, e non frearnos cando contragolpeábamos. Estabamos mortos por como se sucedeu o primeiro gol».