Sufrir 4 goles en casa fala dun prognóstico grave

Vicente Leirachá
Vicente Leirachá PUNTO DE MIRA

TORRE DE MARATHÓN

08 mares 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

Un equipo ao que xogando no seu campo márcanlle catro goles (4) ten algo máis que mala sorte, e o de «mala sorte» é unha desculpa tan socorrida que, nesta ocasión, non merece nin ser tida en conta. Ese equipo ao que lle marcan tantos goles ante a mirada dos seus seguidores, carece dunha solidez defensiva como primeiro argumento válido aínda que tampouco atopamos outro para explicalo. Sobre todo cando ao longo da semana veu case alardeando pola contra.

Agora mesmo, cando escribo estas liñas, recordo o que dixo Hilario Marrero hai moitos anos: «O equipo que non saiba defender, é carne de canón», frase que unha vez máis tivo confirmación neste Deportivo-Sevilla (3-4) partido que un sector de seguidores deportivistas, crendo as rutineiras declaracións dos homes de Víctor Fernández, daban por gando.

Volverei con máis recordos, porque o meu vello arquivo garda moitos que o tempo demostra que son certos, non fantasías. Hai algún tempo tamén contei en La Voz de Galicia que Helenio Herrera era inimigo de que os futbolistas fixesen declaracións na véspera dos partidos: «Non din a verdade, senón o que lle gusta ler aos seguidores dos seus equipos. Falar de gañar antes é contraproducente, porque esperta o amor propio do equipo rival», dicía o famoso adestrador.

O Deportivo equivocouse onte. Creo que puido evitar tan dura goleada porque se preocupou máis en atacar que defender con orde, e non acertou a evitar máis dun gol, sufrido por erros na marcaxe.

Non é de recibo conseguir tres goles (3) e non sumar sequera un punto cando as dúbidas estaban en se sería un ou tres. Boten unha ollada á clasificación e, despois, calculen. O próximo partido en Mestalla, fronte ao Valencia.