Dez minutos para a esperanza

Xurxo Fernández Fernández
xurxo fernández BRAGA / LA VOZ

TORRE DE MARATHÓN

DIARIO DO MINHO

O Dépor caeu en Braga e segue sen gañar en pretemporada, pero deixou algúns bos detalles

03 ago 2014 . Actualizado á 18:58 h.

Perdeu o Deportivo, que leva tres derrotas e un empate a cero no que vai de pretemporada. Non conseguiu marcar máis que un gol (golazo, de Bergantiños) en 360 minutos, e tampouco foi sobrado de ocasións. Pero se o Dépor que vén é o que se viu a partir dos últimos cinco minutos da primeira parte e ata os cinco primeiros da continuación, o asunto pedresa ben.

Xusto antes do descanso chegaron os momentos de inspiración branquiazul. Sempre cos novos polo medio. José Rodríguez mantívose todo o partido a gran nivel. Fariña é máis de refachos. Pero cando aparece...

Combinaron Laure e Remeseiro para salvar a primeira liña de presión do Sporting Braga. Chegoulle a bóla a José Rodríguez e o alacantino meteulle un pase en profundidade a Fariña. O arxentino fintó para mandar a paseo ao seu marcador e arrincou veloz cara á área rival. Alí púxoa para Luisinho, que estrelou o balón no pau.

Na seguinte xogada, Toché rompeu contra Matheus noutro servizo medido de José Rodríguez. E aos tres cuartos de hora exactos, Fariña foise de tres nunha esquina para despois pifiar no centro.

Ao volver do vestiario (co Sporting sorprendentemente mutado de vermello a azul celeste) Fabricio sumouse á festa cun paradón nunha falta na frontal executada por Santos, que enseguida atopou o corpo do meta noutro chute de socato.

Dous balóns ao pau

No 48, Toché volveu tocar madeira despois de recibir de Canella, ao que habilitara Fariña cunha gran deixada. E para acabar, José Rodríguez viu como aparecía Luisinho a banda cambiada. O centro raso do portugués pola área pequena non o chegou a rematar por un pelo o 18 branquiazul.

Ata aquí, as primeiras mostras da pretemporada dese xogo bonito e ofensivo que pretende instaurar Víctor Fernández no Dépor. O resto do partido consumiuse en padecer o empurre dun rival mellor plantado sobre o céspede.

Zé Luis empezou sacando de couzón a Lopo, obrigándolle a afastarse varios metros da área. Ao cuarto de hora, unha saída a destempo do catalán culminou en deixada co peito do ariete local ante os narices de Fabricio. Ninguén chegou a meter a bota para remachar a xogada.

Sufrían entón os de Víctor Fernández, que se desgañitaba na banda, desesperado pola incapacidade dos seus para dar tres pases seguidos. O atosigamiento luso provocaba perdas na saída, sobre todo na banda dereita. E cando os coruñeses lograban salvar a primeira liña de presión, o rival tiraba de faltas tácticas con bula arbitral. Custodio e Pedro Tiba varrían a medular impedindo a Juan Domínguez virarse cara á portería de Matheus. José Rodríguez apareceu moito máis que o canteirán na zona de creación.

O Sporting ía acumulando ocasións, aínda que sen pór en aprietos ao meta visitante e así chegaron os dez minutos de gloria branquiazul. Acougado o subidón, o dominio volveu ser local, con Fabricio convertido en heroe e dando mostras de que en Riazor hai máis dun porteiro apto para Primeira.

O carrusel de cambios logrou romper un pouco o ritmo dos de Conceiçao, pero aos poucos foron meténdose de novo no partido, encerrando aos visitantes. E chegou o momento no que o meta canario non logrou atrasar máis o inevitable. Despexou o violento chute de Tiago Gomes, produto dunha falta na frontal, pero o rexeite acabou nos pés de Sasso que empurrou o coiro á rede. Puntilla do Braga para botar o peche a un encontro no que os de Víctor Fernández ofreceron polo menos algunha pista do que pode dar de se o Dépor que vén.

Goles: 1-0, min 85, Sasso.

Árbitro: Jorge Sousa. Mostrou amarelas a Juan Domínguez, Arizmendi, Seoane e Fabricio e expulsou a Manuel Pablo con vermello directa (min 89)

Incidencias: Uns 7.000 espectadores no campo do Sporting Braga.

Matheus (Víctor Golas, min 88),Wallace, Santos (Sasso, min 73), Goiano (Baiano, min 65), Tiago Gomes, Custodio (Luis Carlos, min 73), Pedro Tiba (Danilo, min 83), Pardo (Pedro Santos, min 58), Rubén Micael (Alan, min 45), Rafa, Zé Luis (Ederzito, min 73)

Fabricio, Laure (Manuel Pablo, min 60), Lopo, Insua (Alex Bergantiños, min 62), Canella (Seoane, min 58), Juan Domínguez (Iago, min 76), José Rodríguez (Wilk, min 60), Remeseiro (Arizmendi, min 45), Fariña (Dani Iglesias, min 65; Rober, min 90), Luisinho (Cardoso, min 73), Toché (Borja, min 65)