Máis amor, máis humor e moita intriga na segunda tempada de «Saudade de ti»

La Voz SANTIAGO

TELEVISIÓN

Este domingo, a partir das 22.30 horas, chegarán novas tramas e novos personaxes a Abrente. Santiago acolleu a preestrea do primeiro capítulo desta nova tempada, con sorpresa musical incluída

13 jun 2023 . Actualizado ás 21:39 h.

O grupo de WhatsApp do elenco botaba fume a só 24 horas da preestrea da segunda tempada de Saudade de ti, a serie de maior éxito no prime time da TVG o ano pasado, que regresa ás pantallas este domingo, a partir das 22.30 horas, con «máis intriga, máis amor e máis humor». Non podía haber mellor definición que a que daba María Tasende, a actriz que interpreta a Celia, pouco antes de que por primeira vez se proxectase no auditorio Abanca o primeiro capítulo da segunda tempada da ficción, que retrata as tramas de dúas familias e o microcosmos que as rodea nunha vila de costa, Abrente.

O derradeiro capítulo da primeira tempada deixaba a Celia e Raúl (Fran Nogueira) por fin xuntos, pero sementaba unha dúbida: ten esa relación futuro despois da insinuación de que poderían ser irmáns? «Imaxínate, toda unha vida, o teu primeiro amor, e de súpeto din por aí que se cadra pode ser o teu irmán. É un pouco complicado», expllcaba María Tasende antes da preestrea da produción de Voz Audiovisual

Os capítulos que se emitirán de domingo a martes na TVG servirán para desenvolver novas tramas, para coñecer un pouco máis do pasado de Celia en Bilbao e para achegarse a un Santi fóra do centro de saúde. E tamén para a chegada de novos personaxes, como o que lle provocará medo e polo que se sentirá ameazada Celia.

«En Marín non deixaban de preguntarme cando volvía. A espera fíxose longa». Mayka Braña interpreta a Adela de Castro, unha Angela Channing que nesta segunda tempada deberá enfrontarse ás consecuencias da chegada dun personaxe novo, en todos os sentidos do termo, e que «vai dar sorpresas e tamén traer algún que outro desgustiño a Adela».

Precisamente, esta nova entrega de Saudade de ti permite afortalar personaxes. Como Santi, «que é un dos meus personaxes favoritos que fixen na TVG, e levo uns cantos e moi agradecido», explica Adrián Castiñeiras. Esta segunda tempada permitirá a Santi amosarse fóra do triángulo amoroso e da súa faceta profesional no centro de saúde. «Imos ver máis en profundidade quen é Santi. Imos ver moito máis de Santi pai, de Santi amigo e de Santi home fóra do personaxe de Celia, que vai ser moi interesante». 

Parece que a porta está pechada para esa relación, «parece, pero isto dá moitas voltas»,advirte Castiñeiras. Para coñecer un pouco máis o microcosmos desta vila marcada pola traxedia, a TVG estreou este luns Os amantes de Abrente, un filme que fai as veces de precuela e que permite albiscar a vida das dúas familias antes do accidente co que todo mudou.

E nunha serie diaria tampouco poden faltar as sorpresas, como a que abriu e pechou a preestrea da segunda tempada de Saudade de ti e que tivo toque musical. Cómplices interpretou antes da proxección Teño saudade de ti,o tema de Andrés Dobarro que versionaron para ser a sintonía da serie. A proxección foi presentada por Fernando Ojea, director de contidos da TVG, Fernanda Tabarés, directora de Voz Audiovisual, e os actores María Tasende (Celia), Adrián Castiñeiras (Santi), Fran Nogueira (Raúl), Mayka Braña (Adela) e Manuel San Martín (Gaspar) e tras este primeiro capítulo, o elenco ao completo subiu ao escenario do Auditorio Abanca de Santiago para cantar Teño saudade de ti.