A información meteorolóxica en galego cumpriu onte trinta anos

a voz

TELEVISIÓN

JOSE MANUEL CASAL

A primeira vez que Santiago Pemán apareceu en pantalla foi o 5 de febreiro de 1986

06 feb 2016 . Actualizado á 13:14 h.

Onte cumpríronse trinta anos da primeira aparición dun home do tempo presentando a información meteorolóxica en galego. Foi en Televisión de Galicia, o 5 de febreiro de 1986, coa primeira aparición en pantalla de Santiago Pemán, que durante máis de dúas décadas converteuse no meteorólogo de cabeceira de Galicia, popularizando o uso dos termos relacionados con esta disciplina que ata entón os espectadores nunca escoitaran no idioma propio.

Onte, o expresentador da información meteorolóxica participou no programa Luar e despediu a súa intervención co mesmo refrán dedicado a San Blas que empregara hai trinta anos.

Santiago Pemán, nacido en Santiago en 1936, formouse como piloto e empezou a traballar como inspector de voo no aeroporto de Santiago. Empezou a traballar en Televisión de Galicia como home do tempo en 1986 e aí permaneceu durante 25 anos, o que o converteu nun dos rostros máis emblemáticos da canle pública autonómica, ademais de protagonista das letras dalgunhas cancións.