Arrinca a campaña electoral de Evaristo pola alcaldía de Serramoura

redacción / a voz

TELEVISIÓN

Raquel intentará vingar a morte da súa filla nun novo episodio, que se emitirá esta noite en TVG ás 22.35 horas

06 dic 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

O ambiente electoral chega tamén a Serramoura con Evaristo Fiúza en plena campaña para gañar adeptos. TVG estrea esta noite, ás 22.35 horas, un novo capítulo deste thriller rural que bate cada domingo marcas de audiencia.

O título da nova entrega é Catro sospeitosos. Nel, o caso do asasinato de Álex está cheo de preguntas sen resposta. Quen matou a Lucas é a última peza do crebacabezas no que se está transformando a investigación. Outra clave atoparana Raquel e Pancho, os pais de Álex, quen na súa obsesiva cruzada por facer xustiza á súa filla, conseguen información moi valiosa, crucial, da que non dispón a Garda Civil.

O problema é que Raquel quere tomarse a xustiza pola súa man, o que significa dar morte ao asasino da súa filla e, se é posible, coas súas propias mans.

Mentres, don Amancio, párroco de Serramoura, intenta conseguir que o seu sancristán o libere do peso da confesión que lle fixo e que segue sendo un misterio para o espectador, pero unha revelación podería acabar co fráxil equilibrio que se estableceu en Serramoura despois do asasinato de Álex.

E no medio de tanto balbordo, dona Teresa orquestra a campaña política de Evaristo Fiúza, quen dedica o seu tempo a convencer os veciños máis influentes para que se unan á súa lista electoral, pero fáltalle o máis importante: atopar á persoa adecuada para que sexa o seu brazo dereito; o número dous na súa candidatura á alcaldía.

Ademais de liderar as audiencia de televisión en Galicia, Serramoura xerou tamén un importante movemento nas redes sociais, nas que os seus seguidores, os serramourers, comentan con puntualidade cada un dos xiros das súas sorprendentes tramas. Toda a última hora da serie está dispoñible en www.facebook.com/serramoura.serie ; www.twitter.com/serramoura_tvg; www.instagram.com/serramoura.serie e na web www.serramoura.com.

Antes do capítulo, ás 22.10 horas, emitirase unha nova entrega do programa Crónicas de Serramoura, onde os propios protagonistas contan todas as reviravoltas da serie.