Patrocinado porPatrocinado por

A Xunta destina 19,5 millóns de euros ao Plan Camiña Rural para os próximos dous anos

Somos Agro REDACCIÓN / LA VOZ

SUSTENTABILIDADE

O programa financiará melloras en camiños municipais que conectan parcelas agrícolas en toda Galicia

29 ene 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O Consello da Xunta aprobou a nova convocatoria do Plan Camiña Rural para as anualidades 2025-2026, cun orzamento total de preto de 19,5 millóns de euros. Este programa, financiado con fondos propios, destinará 9,5 millóns de euros en 2025 e 9,99 millóns en 2026 para actuacións de mellora e mantemento en camiños municipais que dan acceso a parcelas agrícolas.

Poderán beneficiarse destas axudas todos os concellos de Galicia que cumpran dous requisitos: remitir ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario antes do vencemento do prazo de solicitude e estar ao día coas súas obrigas tributarias e coa débeda coa Administración Pública de Galicia. A asignación inicial será fixa para cada municipio, pero poderá incrementarse en función de criterios como o número de entidades de poboación, a superficie ou a localización do concello.

As actuacións subvencionables inclúen ampliacións que melloren a seguridade viaria e permitan o cruce de vehículos, reforzos no firme existente e adecuación de obras de paso de cursos fluviais, así como labores de mantemento nas marxes e no firme dos camiños.

Dende 2016, a Xunta destinou máis de 167 millóns de euros ao melloramento de 6.042 camiños municipais, abarcando un total de 4.744 quilómetros. A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, convoca estas axudas de maneira ininterrompida dende 2013 co obxectivo de mellorar a accesibilidade, a cohesión social e territorial e as condicións de vida e traballo nas áreas rurais de Galicia.