Galicia ofrece vacinas gratuítas contra a lingua azul para os ovinos

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

GANDERÍA

Laura Leiras

Esta especie é a máis afectada polos serotipos 3 e 8 da enfermidade, que son os que circulan agora na comunidade

06 sep 2025 . Actualizado á 09:36 h.

O pasado 1 de abril comezou a tempada de actividade vectorial do insecto que transmite a enfermidade da Lingua Azul en España, unha doenza que afecta principalmente a animais bovinos e ovinos e que o pasado ano tivo unha grande incidencia en todo o territorio nacional. Neste tempo, o Ministerio de Agricultura tivo constancia de medio centenar de positivos en todo o país. O primeiro deles tivo lugar o pasado 19 de xuño en Málaga. A Galicia, a enfermidade chegou nesta campaña o pasado 22 de xullo, a unha explotación de Rodeiro. Desde entón detectáronse na comunidade un total de sete positivos. Todos se corresponden aos novos serotipos 8 e 3, que non foran detectados aquí con anterioridade. E un deses focos rexistrouse nunha explotación de ovinos que, segundo a Xunta, é a especie máis afectada por eses novos serotipos. Por iso Medio Rural está xa ofrecendo vacinas gratuítas aos gandeiros de ovino galegos.

Ata o de agora, o 4 era o único serotipo que fora detectado na comunidade. Levaba en circulación desde o ano 2023 e foi contra el contra o que a Consellería do Medio Rural puxo en marcha un programa de erradicación baseado na vacinación obrigatoria e gratuíta para todas as explotacións. Pero o feito de que en toda España empezasen a detectarse novos serotipos levou ao Ministerio de Agricultura a cambiar de estratexia. A erradicación deixou de ser prioritaria e a vacinación pasou a ser voluntaria, aínda que a Xunta mantivo, e segue mantendo, a gratuidade da vacina contra o serotipo 4 ata completar a pauta vacínica anual recomendada. De feito, a consellería mobilizou xa máis de oito millóns de euros nesta medida desde o ano 2023.

Que é a lingua azul e a quen afecta?

É unha enfermidade vírica que afecta os ruminantes e que se transmite pola picadura de certas especies de mosquitos. Non afecta as persoas e non existe, tampouco, ningunha posibilidade de contaxio nin risco para as persoas polo consumo de produtos procedentes de animais infectados.

Desde que o pasado 22 de xullo detectásese o primeiro positivo en Galicia, localizáronse xa outros seis focos máis. Houbo positivos nos municipios de Lobeira e Piñor, na provincia de Ourense; Sarria e Carballedo, en Lugo; Arzúa, na Coruña, e Mondariz, en Pontevedra. Este último afectou a unha explotación de ovinos, mentres que os restantes se rexistraron en grajas de bovinos.

Precisamente os ovinos son, segundo explica Medio Rural, os máis afectados polos novos serotipos da enfermidade. É por iso que, co obxectivo de manter a sanidade da cabana gandeira e de apoiar os gandeiros ante esta situación, a Consellería do Medio Rural leva xa un tempo ofrecendo vacinas gratuítas para o gando ovino. Estas pódense solicitar a través dos veterinarios de explotación, das Asociacións de Defensa Gandeiras ou das Oficinas Rurais.

Outras recomendacións

A consellería segue recomendando aos gandeiros a vacinación voluntaria de bovinos e ovinos contra estes novos serotipos, xa que esta é a ferramenta máis efectiva para previr a infección dos animais. Tamén aconsella evitar nas instalacións gandeiras as zonas húmidas con materia orgánica, porque se converten en espazos de nena dos insectos vectores da enfermidade. Desinsectar aos animais, as instalacións e os vehículos é outro dos consellos da Administración autonómica, que tamén lembra aos gandeiros a obrigatoriedade de comunicar aos servizos veterinarios oficiais calquera sospeita desta doenza.

Segundo a última actualización do Ministerio de Agricultura, actualmente a enfermidade está presente nas comunidades autónomas de Andalucía, Estremadura, Murcia, Madrid, Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra e A Rioxa, ademais de nas provincias de Toledo, Ciudad Real, Ávila, Salamanca, Burgos, Soria, Zamora e León. Hai tres serotipos circulado, o 3 e o 8, como en Galicia, e tamén o 1.

O Goberno tamén lembra que España se atopa sen status sanitario no que se refire a esta enfermidade, ao non contar actualmente cun programa de control e erradicación. E reitera ás comunidades que é preciso que comuniquen inmediatamente as sospeitas de novos serotipos detectados a nivel provincial na presente tempada, así como aqueles casos de especial gravidade ou que teñan características non agardadas. É labor das administracións autonómicas, tamén, seguir recompilando información sobre o número de caos clínicos que se vaian detectado.

En todo caso, o ministerio resalta a importancia de reforzar as medidas de sensibilización entre os sectores afectados para informar da estratexia aprobada a nivel nacional. E lembra a importancia de vacinar aos animais contra os serotipos presentes para reducir o impacto da enfermidade no caso de que a explotación se vexa afectada. «Sen dúbida a vacinación é a mellor ferramenta para previr a morbilidade e a mortalidade no gando, ademais de facilitar os movementos de animais cara a outros países», conclúen no Agricultura.