
Un programa no que colaboran Naturleite e Cruz Roja ofrécelles varias semanas de formación, tras a que se lles realizará unha proposta de contrato laboral
10 jul 2025 . Actualizado á 21:26 h.Cinco mozos africanos, procedentes de Mali e de Senegal, están a traballar en explotacións de gandería vacúa de leite da provincia de Lugo. Trátase dun programa que impulsan Naturleite, empresa que no polígono de Meira ten unha fábrica na que envasa leite para Mercadona, e Cruz Roja. O programa, recentemente iniciado, ten unha formación de varias semanas e poderá desembocar nun futuro estable: os mozos recibirán ao final unha proposta cun contrato de traballo, segundo explicaron este xoves fontes de Naturleite.
A formación é teórica e práctica. Por unha banda, os mozos aprenden cuestións relativas ao sector lácteo de Galicia e a temas como o manexo do gando; por outro, nas explotacións familiarízanse coa alimentación, co muxido e co coidado das vacas. Ese enfoque práctico, adaptado á realidade das ganderías, foi subliñado por Matilde Hernández, responsable dos servizos técnicos de campo de Naturleite.
Para a directora da fábrica de Meira, Chus Peteira, co curso preténdese dar resposta a necesidades que trasladan os gandeiros, así como crear oportunidades de integración. Á demanda que se rexistra no sector gandeiro referiuse María Fernández, técnica do plan de emprego de Cruz Roja, que subliñou a urxente necesidade de man de obra cualificada no campo.