A Cooperativa de Campo Capela loita por manterse á boia: «A débeda era brutal»
GANDERÍA

O presidente, que accedeu ao cargo hai dous anos, admite o buraco económico: «Cando entrei debíanse 1,4 millóns»
27 jun 2025 . Actualizado á 17:23 h.En febreiro de 2023 produciuse a substitución a cargo da Cooperativa de Campo Capela. Domingo Souto, agricultor de Mugardos de 30 anos (hoxe ten 32), tomaba as rendas que cedía Fernando Rodríguez, de 63, que levaba oito anos a cargo da entidade. «Xa cumprín co meu pobo. Foron anos moi complicados», recoñecía entón o presidente saínte. O seu sucesor tampouco se mordía a lingua: «A situación económica é mala e hai que darlle unha volta á xestión». Dous anos despois, a sociedade constituída en 1969 na Capela por 22 gandeiros loita por manterse á boia.
«Melloramos bastante respecto ao refacho da que viñamos», comenta Souto, dous anos despois. «A débeda era brutal, de ao redor de 1,4 millóns de euros e con tres meses de atraso no pago aos gandeiros, unha situación moi complicada. Agora, os que se xubilaron xa cobraron todo e co resto estamos a pornos nos ao día, pero dun día para outro non dáse liquidado», explica.

Destaca o papel do persoal encargado das contas: «É doado traballar cando hai moito diñeiro, o problema é facelo cando non hai». A principal fonte de ingresos é a fábrica de queixos, que se creou hai xusto dúas décadas, en 2005, e ampliouse en 2019, cun investimento de 300.000 euros (para adquirir nova maquinaria, como unha caldeira, unha cámara ou unha cuba de callado) e o propósito de dobrar a produción.
Dos ao redor de 250 socios actuais, 23 son produtores e fornecen a materia prima. «Unha parte do leite consumímola nós (para a produción de queixo e requeixo), outra lla vendemos a Queixarías do Eume [a fábrica dAs Pontes], e o resto a unha empresa de Capsa Food [dona de Larsa]. Movemos unhas 250 toneladas de leite ao mes», detalla Souto. Á parte da queixaría, alude ao bo momento da tenda: «Está a funcionar bastante ben, é un supermercado rural e agora ten máis fornecido, ampliouse, a idea é que teña froita e produtos de tempada, que haxa de todo (menos carnicería e peixaría). Tamén está a parte de ferraxería».

Nesta última etapa introducíronse cambios na distribución do queixo: «Só servimos directamente ás grandes superficies, a repartición ás tendas pequenas cedémosllo a unha empresa e estamos contentos, tes menos preocupación e chegas a máis puntos de venda». Tamén se modificou a xestión da fábrica de pensos, que se instalou en 1981 e supuxo unha pequena revolución na zona. «Pero estaba moi vella e deixábanos moi pouco marxe, e agora fáinolo a fábrica De Heuss e nós só o distribuímos. A maquinaria é antiga e chegamos a ter de baixa a tres das catro persoas que traballaban alí. Así nos sae rendible e intentamos captar novos clientes pola Capela», abunda o presidente. En persoal hai 19 persoas. «Todas as decisións —remarca— tómaas o consello reitor».
A masa social da Cooperativa de Campo Capela segue minguando, pola falta de substitución xeracional nas granxas ou o abandono do campo. Varios gandeiros deixárona hai algúns anos, como apunta un deles: «Chegamos a cobrar o leite a 15 ou 17 céntimos o litro, e o penso estaba moito máis caro que fóra (a 30 ou 35 céntimos, cando noutros lados eran 25). Non iamos cerrar as nosas granxas para soster a cooperativa».
Un gandeiro asociado: «Agora, os pagos do leite están ao día, pero aínda se nos deben tres meses»
Un gandeiro socio da cooperativa que prefire non dar o seu nome asegura que «os pagos do leite, agora, están ao día, van pagando sobre o día 20 de cada mes e todo xunto, antes viña moi atrasado e en dúas ou tres veces». «Pero —alerta—, aínda se deben tres meses. Penso que aos que se van xubilando si llelo están pagando todo, pero a min polo menos, que eu saiba, aínda non. Dixeron que ían pagar un 45 % [de lo adeudado] o mes que vén, pero non sei como vai ser».
Outro produtor lembra que durante os tres meses que pasaron sen ingresos polo leite que lle fornecían á cooperativa, si tiveron que afrontar gastos: «Nese tempo non cobraron, pero o que gastaron na cooperativa, en pensos ou na tenda, si o tiveron que pagar... poñer dos mil ou tres mil euros, traballar e non cobrar nada. Agora parece que queren pagar, a ver se é certo ou non». Ambos cuestionan a xestión económica daquela etapa.