
«Dezabellas», do apicultor Álvaro Martínez, foi seleccionada entre as trinta mellores do mundo
19 jun 2025 . Actualizado á 08:23 h.En Deza e Tabeirós-Terra de montes a produción apícola conta cunha tradición secular. Aínda se conservan decenas de albarizas, moitas aínda conservando entre os seus muros colmeas en activo, que confirman unha relevancia de outrora pero que continúa viva nos nosos días. Ademais con meles que de forma periódica destacan pola súa calidade. O último exemplo atopámolo na que ampara a marca Dezabellas, que comercializa o produtor de Lalín, Álvaro Martínez García. Acaba de ser seleccionada entre as trinta mellores do mundo no prestixioso certame Black Jar Honey Contest, celebrado hai uns días nos Estados Unidos.
A este concurso mundial acudía este apicultor lalinense cun mel monofloral de castiñeiro. Decidiu animarse despois de recibir o apoio desde o sector galego e tras lograr un premio a nivel galego. En concreto, cultivaba o primeiro posto e a medalla de ouro na variedade de castiñeiro no concurso Mel 5 Estrelas que promove a Asociación Galega de Apicultura (AGA). Desde este colectivo obtivo o incentivo para participar no certame estadounidense.
Pero Dezabellas xa atesouraba cimentos estables para meterse entre as mellores do mundo. A ese recoñecemento na casa sumáronse outros premios internacionais, como a medalla de prata tanto nos París Honey Awards como nos Excelent Taste Awards deste ano. Un 2025 onde tamén logrou un ouro nos London Honey Awards, neste caso co mel de castiñeiro, sumando unha prata con de breixo.
Como explica o propio Álvaro Martínez, «coido cada detalle na produción con métodos tradicionais e un profundo respecto polas abellas e o seu entorno». Recoñeceu ser todo un orgullo que o seu mel cope ese protagonismo, tras figurar entre as trinta mellores do mundo, pero aduce que tamén supón un respaldo á calidade da apicultura que se fai en Galicia. Desde hai dez anos comezou a penetrarse neste mundo, que non é a súa profesión pero, quen sabe e a el gustaríalle, podería selo nun futuro.
Na actualidade conta con 120 colmeas en produción, en Soutullo e a zona de Ou Candán. A última colleita, que xa ten esgotada, roldou o milleiro de quilogramos. Confía en que, se nada se torce, este ano poida incrementar esa cifra xa que aumentou o número de colmenares. Apunta que polo momento as expectativas son moi boas, agardando que non haxa ningunha sorpresa que desbarate as previsións antes de que comece a colleitar o mel a finais do mes de agosto.
Respecto ao certame celebrado nos Estados Unidos, Álvaro Martínez explica o seu proceso. Tras apuntarse efectúase unha cata preliminar a cegas, onde o xurado técnico descoñece a procedencia do mel. Entre eses centenares e centenares de mostras escollen tan só unha trintena. E unha delas finalmente álzase co título. Pero xa figurar nese Top 30 pódese considerar un éxito en toda regra, ao escalar a ese Olimpo particular do mundo apícola.
Este recoñecemento asegura que supón un acicate para continuar na mesma liña de traballo, de coidado dos seus colmenares e de aposta polo rural.
Presenza en tendas locais e mercados minoristas
Se a alguén lle pica a espiral e quere probar este mel multipremiada vai ter dificultades. Álvaro Martínez xa non ten case nin para autoconsumo. Recibe peticións case a diario pero non pode atendelas, pero cre que quizais poida quedar algún tarro en tendas locais ou comercios minoristas da comarca dezana onde se vende. En caso contrario haberá que agardar á próxima colleita, que parece será de calidade. Outra cuestión para desvelar será como se comercializará ese mel, se como monofloral de castiñeiro, no caso de superar o 70% de pole de castiñeiro, ou multifloral, ademais da breixo.