Máis de 460.000 vacas teñen seguro en Galicia, a metade dos  bovinos rexistrados

Somos Agro REDACCIÓN

GANDERÍA

ALBERTO LÓPEZ

A comunidade supera os 1.000 millóns de euros en capital asegurado gandeiro, un 8% máis que no 2023

30 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Agroseguro presentou en Galicia as novidades do Plan 2025 de seguros pecuarios, que entrará en vigor o próximo 1 de xuño e incluirá un total de 15 liñas entre gandeiras e acuícolas. Durante a xornada, celebrada en Santiago de Compostela, destacouse o crecemento continuo do aseguramento na comunidade, que pecha o Plan 2024 con 1.020 millóns de euros en capital asegurado, un 8% máis que o ano anterior.

Segundo explicou Noelia Aparicio, coordinadora da dirección territorial Noroeste de Agroseguro, este incremento está vinculado o aumento na cobertura do gando vacún de reprodución e produción en Galicia, onde máis de 460.000 vacas estiveron protexidas fronte a sinistros por accidentes ou enfermidades durante o 2024. A cifra supón ao redor da metade das 931.440 cabezas de bovino rexistradas nas estatísticas do Ministerio de Agricultura na comunidade galega. 

A xornada tamén serviu para repasar as cifras xerais do seguro agrario ata maio, cun crecemento do 7% en prima totais e un 16% en capitais asegurados nas liñas gandeiras, segundo detallou Sílvia Marques, directora de Produción e Comunicación de Agroseguro. Marques destacou ademais a alta valoración do sector gandeiro, que outorga case un oito de nota media ao seguro agrario e á xestión de Agroseguro.

Entre as principais novidades do Plan 2025, anunciáronse importantes melloras no seguro para ovino e caprino, como a inclusión da cobertura de vexigas ovinas e caprinas dentro da garantía básica, maior protección fronte a enfermidades como a brucelose, a tuberculose caprina ou o meteorismo, e un aumento próximo ao 8% nos valores asegurados de explotacións de carne e cebaderos, así como do leite.

Tamén se introducirán melloras na xestión de contratación e tramitación de subvencións, xunto cunha aposta clara pola dixitalización. A aplicación móbil Agroseguro Clientes, que facilita a xestión do seguro de retirada, xa conta con 40.000 usuarios e creceu un 54% no último ano.  O evento contou coa participación de entidades coaseguradoras e redes comerciais, consolidando a Galicia como unha comunidade crave na evolución do seguro pecuario en España.