O conflito pola primeira poxa dixital na lonxa de gando Silleda obriga a intervir á Garda Civil

GANDERÍA












Os compradores da recría negáronse a puxar usando o móbil, o que deixou máis de 400 becerros sen vender; os transportistas pediron á central unha solución para eses animais e, ante a negativa desta, atrancaron o acceso ao recinto
07 may 2025 . Actualizado á 14:18 h.O enfrontamento entre os compradores da recría e a dirección da Central Agropecuaria de Galicia que organiza a lonxa de gando viviu unha intensa xornada que comezou á primeira hora da mañá deste martes. Avisados polo parón anunciado polos compradores, que se negan a utilizar a nova aplicación móbil para puxar polos animais, algúns gandeiros decidiron non enviar aos seus tenreiros e a afluencia foi moito menor que nunha xornada normal. A inactividade dos compradores provocou que das 659 cabezas á venda só se adxudicaron 242, ademais de que outro centenar foron rexeitadas. O problema veu cando tocou decidir quen se facía cargo desas reses. Os transportistas entendían que a central tiña que darlles unha solución, ao que esta se negou. Estes optaron, entón, por pechar os accesos ao recinto, o que obrigou a intervir á Garda Civil.
A que debería ser unha grande ocasión: a primeira poxa de gando 100% dixital que se celebraba na central de Silleda, converteuse nunha loita aberta. Por unha banda, os compradores de gando de recría, que se negan a usar a aplicación para as súas poxas. Por outro, a dirección da central, que leva catro anos traballando para modernizar o proceso e que asegura que a dixitalización implicará máis transparencia e fiabilidade nas transaccións. E, no medio, os gandeiros e os transportistas, principais damnificados na disputa.
Ás nove da mañá deste martes, a nave dos animais de recría de Silleda debería estar farta de becerros e de compradores que os estivesen avaliando para realizar as súas ofertas. Reses había, aínda que menos do habitual, pero non así compradores. Só unha ou dúas persoas paseaban entre os tenreiros apuntando as súas ofertas coa nova aplicación móbil. O resto, entre os que estaban os grandes compradores desta feira, apiñábanse ás portas do recinto, agardando acontecementos.
«O auxe desta feria é grazas aos gandeiros, aos compradores aos tratantes e aos transportistas», lembraba José Manuel García Pazos, un dos principais compradores que todas as semanas participa na poxa. Falaba en representación dun colectivo que decidiu, na súa maioría, non participar na poxa como forma de protesta. E as consecuencias desa decisión xa se notaban entón, «a afluencia de animais está sendo moito menor», aseguraba.
A súa queixa é que a dixitalización deixará fóra do sistema a xente como Antonio Iglesias, que leva 26 anos vindo ao mercado galego todas as semanas desde Luarca. «Eu non podería poxar porque o meu teléfono non serve», recoñecía. E apuntaba a que «se a semana pasada, cando houbo o apagamento, tivésemos lapis e papel a poxa podería realizarse igual». Para el, a dixitalización implicaría traer a un empregado á feira con el, para que lle axudase co novo sistema.
Pero a súa principal denuncia é que o mercado non está preparado e non poden avaliar entre 600 e 700 animais en cinco horas e facelo utilizando un teléfono móbil. «Temos cinco horas para valorar 600 ou 700 becerros e usar o móbil suporía o dobre de traballo, teríamos que traer dúas persoas», engade García Pazos. Porque desde a dirección da central lembran que eles non lles impiden usar listas ou cadernos de papel, só que teñen que subir eses datos á aplicación. «Cárganos a nós con ese traballo e non nos proporciona medios nin nada. Teño que vir co meu móbil e se se me cae e rompe, ¿non podo participar na subasta?», pregunta este comprador.
A sesión do martes foi tensa, coa dirección da central aguantando o pulso e os compradores agardando a ver as consecuencias da súa parou. Finalmente, ás once da mañá déronse a coñecer as primeiras cifras. «A nós oblígannos a pechar as ofertas as dez e hoxe, que todo debería ser máis áxil porque está dixitalizado, son as once e estamos sen datos», queixábanse os presentes. Á primeira sesión dixitalizada do mercado acudiron 659 becerros de recría, dos que só se adxudicaron 242. «E máis da metade van ser rexeitados polos prezos, xa verás», vaticinan os compradores.
A última hora da mañá, a central deu as cifras definitiva e comprobouse que máis dun centenar foron rexeitados, ademais de que 311 quedaron desertos. Iso implicou que, a última hora da mañá, había máis de 400 animais sen dono. O problema tivérono entón os transportistas. «Pedimos á dirección unha solución, porque quedaron moitos becerros sen vender e moitas ganderías non os queren de volta», explicaba un dos afectados. A central díxolles que, por normativa, os animais non podían quedarse alí e que os transportistas tiñan que recollelos.
Ao lugar desprazouse a Garda Civil, para saber que estaba a pasar. E convenceunos para que movesen os seus camións, algo ao que accederon. Segundo informan desde a dirección da central, a esta hora os transportistas están a recoller xa os becerros. «Eu trouxen 80 e 50 quedaron desertos. ¿Que fago agora con eles? O normal é que se fixera cargo a feira», aseguraba este mesmo transportista.
Ricardo Durán, presidente de Semana Verde: «Cando se acostumen á aplicación van ser todo vantaxes»
A dirección da central volveu insistir en que levan catro anos traballando para modernizar o sistema. «Dende fai ano e medio está listo para o seu uso e levamos moito tempo falando coas persoas máis aferradas aos métodos antigos», explica o presidente de Semana Verde, Ricardo Durán. Entre as vantaxes da dixitalización destaca as montañas de papel que se aforran «e que non teño que ter a cinco persoas da fundación transcribindo aquí listas», argumenta.
O presidente do mercado de gando explica que desde o pasado 18 de marzo sabíase que se ía a implementar o sistema dixital. Tamén, que todos teñen a aplicación descargada e que xa a están usando. «É moi sinxela e é unha pena que esté pasando isto porque cando se acostumen van ver todas as ventaxas que ten», engade.
Explica que, nos últimos anos, o mercado creceu de forma notable, pasando de facturar 16 millóns de uros a 39 millóns. Tamén, que as poxas de vacún maior e tenreiros carniceiros que se realizaron o martes, que tamén se dixitalizaron por primeira vez, transcorreron con total normalidade. A dixitalización, engade, forma parte dun proceso que permitirá axilizar a poxa e corrixir erros, porque ata o de agora as poxas dos gandeiros facíanse a man e era preciso transcribilas.