Patrocinado por Patrocinadopor

Convocan 600.000 euros en axudas para gandeiros afectados pola rata topo

Maruxa Alfonso Laya
M. Alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

GANDERÍA

CEDIDA

Poderán beneficiarse destas subvencións os titulares de explotacións situados nunha decena de municipios de Lugo

30 may 2023 . Actualizado ás 09:33 h.

A rata topo está a causar serios danos aos gandeiros da provincia de Lugo. Porque esta praga se come as raíces da herba e deixa ás vaca sen pastos e aos gandeiros sen forraxe. Desde hai un tempo, e en colaboración coa Consellería do Medio Rural, púxose en marcha unha campaña de trampeo, que ata agora parece ser a única medida que está dando algúns resultados. Agora, a Administración autonómica decidiu convocar unha liña de axudas para os gandeiros afectados por esta praga. Contará cun orzamento de 600.000 euros.

O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar as bases regulatorias de estas subvencións, que se destinarán aos gandeiros afectados polo incremento poboacional da rata topo nos pasteiros das súas explotacións. Poderán beneficiarse destas axudas os titulares de explotacións situadas nos municipios das Nogais, Baleira, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela. Poderá ser subvencionable toda a superficie dos recintos declarados con uso de pasteiro na Solicitude Unificada de axudas da PAC da convocatoria de 2022, situadas na zona de afectación por esta praga.

As parcelas para as que se presenten solicitude e non figuren dentro da zona demarcada pola afección de esta rata poderán ser obxecto de inspección por parte do persoal do Servizo de Explotacións Agarias de Lugo. Se se considera que existe un dano evidente producido por esta praga, poderán ser incluídas dentro das parcelas subvencionadas.

O importe da axuda que se concederá a cada beneficiario será de 300 euros por hectárea. No caso de fraccións de superficies menores dunha hectárea, a axuda será de 0,03 euros por metro cadrado. O prazo de solicitude será dun mes.