Patrocinado porPatrocinado por

Marca de visitas desde municipios de Galicia e Asturias á granxa de porco celta de Mondoñedo

María Cuadrado Fernández
M. CADRADO MONDOÑEDO / LA VOZ

GANDERÍA

Cedida

«Moita xente quería saber como facerse cos produtos», di o criador mariñán Nando López

22 nov 2021 . Actualizado á 11:17 h.

«Récord de asistencia. Cando a organizamos, non contabamos con tanta xente». Asegúrao Nando López, criador de porco celta de Mondoñedo, que este sábado ao mediodía celebrou na súa granxa unha xornada de portas abertas á que acudiron unhas setenta persoas chegadas desde distintos puntos de Galicia —Ribeira, O Grove, Monterroso, A Laracha, Dumbría, Ourense...—, de Asturias e ata de Ponferrada.

Había familias interesadas en coñecer como é e como funciona a explotación ou en como e onde conseguir produtos desta raza. Tamén hostaleiros interesados en organizar xornadas gastronómicas, carniceiros e futuros criadores, entre eles, mariñáns preocupados pola desindustrialización que azouta á comarca.

«Tivemos xente que quería saber o funcionamento da explotación porque ten interese en incorporarse como criador, buscando inicialmente un complemento económico», explicaba o gandeiro tras concluír a primeiras xornada que organizou na súa granxa e que lle permitiu pulsar e sondar o interese real polo porco celta e os seus produtos, abrir novas relacións comerciais ou promover o traballo da Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, entre outros obxectivos.

Houbo visitas á leira, explicouse cales son as etapas de cubrición, xestación, o parto, o destete..., cales son os trámites administrativos para montar unha explotación, que canles de comercialización existen ou cal é a demanda do produto.

Ademais de repartir bolsas-agasallo de Asoporcel, os asistentes tiveron ocasión de degustar guiso de agulla de porco celta, empanada de zorza e touciño entrefebrado, pizza de porco celta... O criador manifestaba a súa satisfacción tras o éxito desta nova iniciativa que divulga a raza e achega, sen filtros, o produto ao consumidor.