Patrocinado por Patrocinadopor

UU.AA denuncia a actitude abusiva dunha empresa avícola

Maruxa Alfonso Laya
M. Alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

GANDERÍA

MARTINA MISER

Acusa á firma de impor aos gandeiros a cría dun novo tipo de pito con maiores custos de produción que paga ao mesmo prezo que o convencional

16 jul 2021 . Actualizado ás 09:17 h.

O sindicato Unións Agrarias quixo denunciar a que considera a «actitude abusiva» da empresa integradora Avigrao. É esta unha empresa avícola que, nos últimos meses, está a impor aos gandeiros cos que traballa a cría dun novo pito que supón uns maiores custos de produción para as granxas. Con todo, a firma paga estes animais usando as mesmas táboas de prezos que para o convencional. A organización agraria considera intolerables este tipo de prácticas e insta á empresa, con sede en Melide , a respectar a lei da cadea e a renegociar tarifas acordes a esta nova produción.

A actitude de Avigrao está a ocasionar malestar entre os gandeiros, aseguran en Unións Agrarias, onde insisten en que a integradora, tal e como reflicten as liquidacións das granxas, está ignorando o dereito dos produtores a percibir prezos xustos aplicando tarifas que atentan contra a rendibilidade das explotacións. E é que a compaña está testando a viabilidade dun novo tipo de pito, coñecido como pito louro, cuxos requirimentos de cría supoñen un elevado incremento dos custos de produción. Así, mentres o tempo de cría habitual dun pito rolda os 45 días, no caso do louro este período case chega a duplicarse, acadando os 80. Tamén se trata dunha ave cuns requirimentos de espazo moi superiores ao convencional, que obriga ás granxas a reducir a súa capacidade nun 60 %.

A organización agraria entende que a introdución deste novo tipo de pito pode ser unha nova liña de negocio do sector, pero considera intolerable que as probas sexan de obrigado cumprimento para as granxas e que en ningún caso se teña consultado aos gandeiros a súa vontade de incorporar este produto.Tamén lamenta que non se adecúen as tarifas e que se estea pagando por el, o mesmo pecio que por un pito que supón unha rendibilidade de practicamente o dobre para as granxas. 

O sindicato asegura que a introdución deste pito louro foi a gota que colma o vaso, pois o malestar dos gandeiros con esta empresa vén de atrás. «As demais integradoras recollen os polos aos 45 ou 47 días. E se o tempo nas granxas pasa dos 52 aplican uns abonos ao prezo. Os tempos de recollida de Avigrao adoitan exceder a media habitual e a empresa obriga ao gandeiro a asumir o custe engadido, pois aplica sempre a misma tarifa independientemente do tempo de cría das aves», engaden en Unións Agrarias. Iso supón un prexuízo para o gandeiro, pois a partir das sétima semana os animais son máis esixentes e menos rendibles, é dicir, aumentan os seus requirimentos de alimento e apenas gañan peso, polo que os gastos dos gandeiros dispáranse.

Unións Agrarias tamén asegura que non é esta a primeira vez que Avigrao obriga aos gandeiros a asumir o custo económico das súas probas, pois o que agora está a suceder con este novo tipo de pitos pasou fai un ano, cando a experimentación con distintos tipos de alimentación saldouse coa aplicación dunha tarifa case un 40 % inferior á habitual.