
O vento tirou castiñeiros centenarios e arruinou parte da produción tardía en municipios como A Mezquita, Viana do Bolo, O Bolo e Vilariño de Conso
10 oct 2024 . Actualizado á 10:10 h.A borrasca Kirk provocou efectos demoledores na campaña de recollida de castañas no oriente ourensán. Moitos produtores de municipios como A Mezquita, Viana do Bolo, O Bolo e Vilariño de Conso espertáronse esta mañá cunha desagradable sorpresa, en plena tempada de recolección. Os refachos de vento provocaron a caída de castiñeiros, ningúns deles centenarios, a desfeita de grandes ramas e que se tirase boa parte da denominada produción tardía, que é a que se recolle ata mediados do mes de outubro.
Os montes do municipio de Viana do Bolo foron uns dos máis afectados polo paso de Kirk. «Xa non é a producción que perdes para este ano, o problema é que moitos dos castiñeiros que foron derribados polo vento xa non se van poder recuperar», explica María Páez, gandeira e produtora de castaña.

A agricultora do oriente ourensán explica que nos concellos castigados polo paso de Kirk, a recolección de castaña supón unha actividade complementaria á agricultura e que o «pao foi moi gordo», xusto un ano no que parecía que se podían recuperar da pésima campaña do 2023. Con todo, elude realizar valoracións sobre o impacto global tendo en conta que pasaron moi poucas horas e aínda non se realizou un repaso xeneralizado por todos os montes que contan con castiñeiros.
De feito, segundo as previsións iniciais, a campaña comezara de xeito favorable, grazas ás condicións climáticas idóneas durante a polinización, con tempo seco e temperaturas altas. Con todo, a mediados de xuño detectáronse os primeiros síntomas do fungo Gnomoniopsis smithogilvy, que afectou a algúns castiñeiros. Este feito podería provocar que a produción deste ano quede lonxe dos 20 millóns de quilos recolleitos nas mellores campañas anteriores. Ese cálculo realizado antes do paso da borrasca Kirk pode quedar desfasado, xa que hai que ter en conta que o ideal para unha boa colleita é que na época de recollida os termómetros marquen temperaturas baixas, algo que non está a suceder ata o momento.