Patrocinado por Patrocinadopor

Gervasio López, enxeñeiro: «A Rede Natura ten que favorecer a participación dos donos do monte»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

FORESTAL

López di que os donos de monte deben ter participación en cuestións da Rede Natura.
López dei que vos donos de monte deben ter participación en cuestións dá Rede Natura. CEDIDA

Afirma que se debe lembrar que boa parte dos lumes son intencionados

13 may 2023 . Actualizado ás 20:18 h.

A tese de doutoramento que vén de presentar Gervasio López ten por título «Proposta dun índice de risco de incendios integrando a conflitividade como variable explicativa. Aplicación a Galicia». López di que se queren entender e evitar os incendios, cómpre investigar e coñecer as causas que os provocan.

-Vese o monte como algo de todos ou non? Se non se ve, pode iso influír en que haxa máis incendios?

-Hai un problema. Debemos ver o monte como algo de todos, porque é da sociedade no seu conxunto. Pero os propietarios poden sentirse agraviados porque son esquecidos. Todas as políticas de conservación deben ser consensuadas cos donos. A Rede Natura, que en moitos casos foi beneficiosa, está envolta, xa dende o comezo, en moitos conflitos. O monte, evidentemente, é de todos porque reverte na sociedade; pero hai moitos montes que son privados, e hai que conxugar iso. Polo despoboamento que houbo no medio rural e polas restricións que ás veces implica a Rede Natura, no monte deuse unha gran acumulación de combustible. Iso fai que os incendios sexan cada vez máis dificiles de apagar. Os grandes incendios, os que se chaman de sexta xeración, superan a capacidade de extinción. Iso pasou, por exemplo, en Portugal no 2017. A medida que pase o tempo, iremos vendo que os incendios son cada vez máis grandes, aínda que hoxe hai menos lumes dos que había ata o 2005. O risco que temos que asumir é cada vez maior, e iso, en primeiro lugar, débese á acumulación de combustible, pero tamén ao abandono e ás restricións que implica a Rede Natura. Na ciencia analízanse as características do combustible en relación cos incendios, pero esquécese algo: en Europa, ata o 95 % dos incendios son intencionados ou teñen que ver coa actividade humana; e se non vemos que os incendios teñen que ver con iso, perdemos algo.

-Se o monte se vise como unha fonte de riqueza, cambiaría a situación?

-Si. Cando a retribución, sexa económica ou non, para os propietarios é elevada, maior é o interese por defender o monte. Iso vale para a sociedade no seu conxunto. A conservación, moitas veces, debe ir acompañada de compensacións á xente que se preocupa desa conservación. A Rede Natura, en certos países, establecece mecanismos de compensación; en España non se fai iso. Se a xente que traballa nos seus terreos ve que necesita autorizacións ou comunicacións oficiais, créase desafección e tamén, de maneira inevitable, abandono do rural. O abandono xera acumulación de combustiblee unha bomba de reloxería. Fálase moito do eucalipto, que sen dúbida é unha especie inflamable; pero as masas de eucalipto non arden porque non se lles pon lume, e outras arden de xeito continuado.

-Hai que pensar en dar compensacións a quen coida o monte porque coida o territorio?

-Si, sen dúbida. O monte produce beneficios ambientais, de conservación da biodiversidade... A conservación do monte non se acada poñéndolle normas xurídicas; conséguese se hai xente empeñada en conservalo, e hoxe vese que non é así. A permanencia da xente no medio rural permite que teñamos masas forestais. Se se abandona o rural, esas masas quedan en perigo; pero a esa xente hai que darlle un modo de vida. A Rede Natura afecta a propietarios, e non todos son tidos en conta. A única axuda que teñen os concellos é unha bienal de 20.000 euros, que non é, dende logo, unha medida compensatoria. Hai que mellorar a participación da xente na Rede Natura. Non se está levando a cabo a realización de medidas de axuda aos concellos. Tamén hai que ter en conta que a incompatibilidade da Rede Natura coas infraestruturas en xeral; cos cortalumes, por exemplo.

-Se á xente se lle explicasen ben as vantaxes que pode supoñer a inclusión dun terreo na Rede Natura, cambiaría a visión?

-Por suposto. Pero ese exercicio de pedagoxía non se fai. Por exemplo, as axudas da PAC están moi relacionadas coa Rede Natura. Esas axudas poden ser moi beneficiosas; pero se non se explican, créase desafección e vense como intromisión. Pode haber efectos positivos nunha declaración de Rede Natura? Hainos. Pero se se protexe algo, hai que poñer ese terreo en valor, e iso non se fai. A evolución socioeconómica dos concellos situados na Rede Natura foi peor ca a dos concellos que non a tiñan. Iso indica que as zonas onde se situou a Rede Natura xa tiñan un peor desenvolvemento; pero se no plan director da Rede Natura se recolle que deben aplicar mesidas de desenvolvemento, hai que aplicalas. A Rede Natura ten que favorecer a participación dos donos do monte; os propietarios teñen que estar informados.

«Non se lles pode pedir máis aos servizos de extinción»

Os incendios non son unha sorpresa en Galicia. Para López, tampouco o é o labor que fan os equipos de extinción, aos que dedica boas palabras por un traballo que moitas veces se volve arriscado polas circunstancias. «Non se lles pode pedir máis aos servizos de extinción. Apagan moi ben», di. De todos os xeitos, subliña que o problema está nas masas que quedan no monte, polo xeral consecuencia da falta de coidado, e que son combustible para os incendios.

O que propón López é que se coide mellor o monte e que se tire máis proveito da biomasa como fonte de enerxía, o que produciría, na súa opinón, dúas consecuencias favorables para o medio rural: por unha banda, a creación de postos de traballo en concellos que polo xeral foron perdendo poboación e actividade económica; por outra, a diminución do risco de incendios. Ademais comenta que cómpre distinguir «entre o pirómano illado e o incendiario», e engade: «Podemos falar moito dos lumes forestais, pero se esquecemos que a maioría son provocados, non estamos analizando o problema».

-Fai falta máis pedagoxía social sobre a importancia que ten do monte?

-Hai que facer pedagoxía, establecer mecanismos de cooperación e facilitar a participación dos donos. Hai que actuar para que os conflitos se resolvan e non se enquisten.

Estudos en Lugo

Gervasio López naceu en 1971 na Fonsagrada. Estudou Enxeñaría de Montes na Escola Politécnica Superior de Lugo, e no Campus Terra vén de presentar a súa tese de doutoramento. Traballa no Concello de Negueira de Muñiz.