
As axudas buscan mellorar os procesos de transformación, comercialización e desenvolvemento de produtos agrarios levados a cabo por estas entidades
21 abr 2021 . Actualizado á 05:00 h.O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), publicou hoxe no Boletín Oficial do Estado a convocatoria de axudas a investimentos materiais ou inmateriais para a mellora dos procesos de transformación, comercialización e desenvolvemento de produtos agrarios levados a cabo polas entidades asociativas prioritarias (EPA) de carácter supraautonómico. Estas subvencións, establecidas no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020, buscan incrementar o valor engadido destas producións e mellorar o seu posicionamento nos mercados, aumentando así a súa competitividade.
O presuposto previsto nesta convocatoria é de 40 millóns de euros, para proxectos a executar durante o 2021 e 2022, financiado nun 53% con cargo ao FEADER (Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural) e nun 47% polo presuposto nacional.
A realización dos proxectos de investimento subvencionados poderá estenderse como máximo ata o 1 de setembro do 2022. Ademais, a axuda por proxecto non poderá superar, en función do tipo de beneficiario, o 60% dos gastos subvencionables no caso de que o beneficiario sexa unha EAP; ou ben o 40% cando o beneficiario sexa unha entidade mercantil participada maioritariamente por unha EAP. O límite máximo de axuda por proxecto será de 5 millóns de euros.