Estes son os datos do plan de pastos: 1930 hectáreas mobilizadas e un investimento de 10,5 millóns desde o 2020

Somos Agro REDACCIÓN / LA VOZ

AGRICULTURA

Cedida

A conselleira do Medio Rural inaugurou en Lugo a Reunión Científica da Sociedade Española de Pastos e destacou o papel destes sistemas como «elemento vertebrador» do medio rural

24 sep 2025 . Actualizado á 10:32 h.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou na inauguración da Reunión Científica da Sociedade Española de Pastos, que se celebra na Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo. Alí destacou o investimento realizado pola Xunta de Galicia no marco do Plan de Pastos, que desde 2020 permitiu mobilizar máis de 1.930 hectáreas cun presuposto de 10,5 millóns de euros.

Segundo explicou, con estes fondos puidéronse acometer 80 pasteiros nos últimos cinco anos. A esta cifra súmanse outras 519 hectáreas en 26 novos pasteiros que estarán rematados a finais deste ano, cun investimento adicional de 4 millóns de euros.

María José Gómez definiu estes sistemas como un «elemento vertebrador» do medio rural, ao contribuír a manter o emprego, favorecer a substitución xeracional e conservar prácticas tradicionais como a transhumancia ou o aproveitamento silvopastoril. Tamén subliñou a súa función ambiental, xa que actúan como ecosistemas de alta biodiversidade, sumidoiros de carbono, protectores do chan fronte á erosión, reguladores do ciclo da auga e elementos de prevención fronte aos incendios forestais.

A conselleira puxo en valor o foro organizado pola Sociedade Española de Pastos, que cualificou como «un foro de transferencia de coñecemento» entre universidades, centros de investigación, administracións, gandeiros e xestores do territorio. Engadiu que a investigación é un «aliado fundamental» dos pasteiros, ao representar unha forma de producir alimentos con menor dependencia de combustibles fósiis e maior respecto polos ecosistemas.

Pasteiro de Frexulfe

Tras o acto inaugural, Gómez trasladouse ao municipio do Valadouro para coñecer os traballos realizados no monte de Frexulfe dentro do Plan de Pastos. A intervención abarca un total de 14,05 hectáreas cun investimento de algo máis de 176.400 euros. Os fondos permitiron implantar o pasteiro e executar as infraestruturas necesarias, como a construción dunha manga de manexo, o peche perimetral ou a subministración de bebedoiros.

Segundo indicou a conselleira, este tipo de actuacións constitúen un modelo de aproveitamento sostible e compatible coa preservación do patrimonio natural. Ademais, favorecen a gandería en extensivo, como mostra a Mancomunidade de montes en man común, que integra a 14 propietarios e conta actualmente cunhas 300 cabezas de gando vacún en extensivo.